Dez exemplos de xacementos lucenses “en risco” de non revisar a Xunta o visor de usos forestais

Adega e Mariña Patrimonio denuncian que o Castro da Vela ou a mina romana da Espiñeira poderían verse afectados por cortas e plantacións forestais por erros na súa xeolocalización

Erro de delimitación da mina romana da Espiñeira. MARIÑA PATRIMONIO

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) e Mariña Patrimonio reclaman á Consellería de Cultura que revise a información xeográfica do patrimonio cultural vertida no visor de aproveitamentos forestais da Xunta de Galicia. As dúas agrupacións denunciaban o pasado 15 de maio “un número considerable de erros de xeolocalización de xacementos” que puñan en perigo os sitios arqueolóxicos de realizarse cortas ou plantacións, dado que o decreto 73/2020, que entrará en vigor o 9 de xuño, pretende axilizar e simplificar este tipo de procedementos.

O GOBERNO AUTONÓMICO ADMITE “FALLOS”

A propia Consellería de Medio Rural admitiu días atrás, consultada polo Xornal da Mariña, que Cultura recoñecía a existencia “dunha porcentaxe de erros, algúns deles xa identificados e en proceso de corrección“. Con todo, os colectivos denuncian que Cultura non só “segue en explicar de que forma vai proceder para reparar as eivas detectadas e se vai facer unha revisión profunda e completa da actualización dos datos”, senón que “continúa recomendando o emprego do visor telemático como ferramenta para avaliar se cómpre ou non solicitar autorización á hora de realizar traballos forestais en zonas potencialmente protexidas“.

XACEMENTOS “AMEAZADOS” EN FOZ, XOVE, VIVEIRO OU BARREIROS

Adega e Mariña Patrimonio denunciaran erros de xeolocalización, nunha primeira revisión do documento, en oito castros de Ribadeo e no xacemento do Coto da Vela, en Xove. Os colectivos destacan os dez erros máis salientables a nivel provincial.

  1. Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz): “o visor só marca como zona protexida un terzo do xacemento”, denuncian as asociacións.
  2. Castro O Curveiro-Nois (Foz): “a maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación deste castro costeiro”.
  3. Castro de Meirengos (Ribadeo): “das catro hectáreas (Ha) que ocupa este xacemento, só se sinala como superficie protexida 0,5 Ha”, advirten.
  4. Castro da Vela (Xove): “a Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6 a 0,45 hectáreas no visor de aproveitamentos forestais”.
  5. Castro Castelo (Xove): “neste caso, o erro consiste en darlle máis superficie ao castro da que ten. Dunha hectárea pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de 8,5 Ha”.
  6. Mina romana de ouro da Espiñeira (Foz): “a extensión que ocupa esta antiga mina romana de 45 hectáreas é reducida pola Xunta a dúas no visor de aproveitamentos forestais”, expoñen os colectivos.
  7. Castro da Forca (Viveiro): “Mentres que a superficie real do xacemento é de 0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta superficie a catro Ha”.
  8. Mámoa de Tras As Airas (Fonsagrada): “Localízase esta mámoa nunha ladeira de forte pendente, a un quilómetro de distancia de onde realmente está situada. Ademais nesta zona, fican dúas mámoas por catalogar e, por tanto, quedan desprotexidas”.
  9. Arquela da Pruída (Fonsagrada): “A Xunta despraza esta mámoa 123 metros da súa localización real”.
  10. Antiga capela e cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): “Esta antiga igrexa ubícase no aparcadoiro da nova capela, a 120 metros da súa correcta xeolocalización”, finalizan Adega e Mariña Patrimonio.

PIDEN A “RETIRADA CAUTELAR” DO DOCUMENTO

As dúas agrupacións e urxen de novo á Consellaría de Cultura a “corrixir canto antes os erros do visor e a retiralo cautelarmente, ou cando menos, que se advirta claramente aos usuarios que, debido ás eivas detectadas, esa ferramenta non é  fiable nin recomendable como información validada. Esta información que se fai pasar como oficial, ademais de poñer en risco xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos, pode provocar que os propietarios forestais se enfronten a elevadas sancións por danos contra o patrimonio cultural“, remarcan.

Asemade, fan un chamamento “ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galicia para que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable dos recursos arqueolóxicos protexidos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here