InicioM.ambiente e PatrimonioRibadeo mírase nas Illas Británicas para xestionar As Catedrais trala luz verde...

Ribadeo mírase nas Illas Británicas para xestionar As Catedrais trala luz verde unánime ao plan de protección

O pleno aproba por unanimidade a normativa, que protexerá o monumento natural con criterios de mantemento, conservación e conservación dos usos agrarios

Publicada o

- Advertisement -

O pleno de Ribadeo aprobou por unanimidade o Plan Especial das Catedrais, para ordenar a contorna das 54 hectáreas que rodean o monumento natural con criterios de mantemento, conservación e protección dos usos agrarios, de conservación dos valores patrimoniais e de integración do turismo. A continuación, expuxo o rexedor, “temos que ir chamando a moitas portas institucionais da Deputación, da Xunta, do Ministerio e da Unión Europea para intentar converter este plan nunha realidade”, aseverou o alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia.

“Queremos que esa realidade favoreza o transporte público, que contemple a creación de sendeiros con protección adecuada para que a xente poida ir polo cantil co mínimo perigo, para lograr un aparcamento público, para que os turistas que viñeron a centos de miles nos últimos anos sigan vindo e sigan marchando de aquí marabillados pola boa xestión, como desde hai moitos anos fan noutros puntos de Europa”, argumentou o rexedor.

DEMOLERASE O BAR E CREARASE UN CENTRO DE INTERPRETACIÓN; FOMENTARASE O TRANSPORTE PÚBLICO

Calcúlase que As Catedrais reciben cada ano medio millón de visitas, polo que se entende que o transporte público é fundamental para protexer o recurso turístico. Outro dos puntos é a demolición do bar ubicado preto da praia. Na zona proxéctase tamén un centro de interpretación do areal, que podería deixar un espazo para a venta de merchandising. O investimento, segundo as contas do goberno municipal, ascendería a 2,5 millóns de euros.

O alcalde referiuse neste sentido a “Stone Head en Inglaterra, Brú na Bóinee en Irlanda ou a Calzada do Xigante en Irlanda do Norte” como referentes. Suárez Barcia remarcou que o proxecto recibiu a luz verde de “ata 19 informes sectoriais” e recibiu “o broche de ouro” coa unanimidade do pleno.

O voceiro do Partido Popular ribadense, Daniel Vega, valorou que “vai haber un marco legal que vai protexer o monumento natural e tamén os usos agropecuarios da zona; todos eses gandeiros poderán seguir traballando a terra. Agora temos que xestionar orzamento coas Administracións, que poñen normativa legal pero que tamén poden poñer presuposto”, indicou o conservador, que solicitou a creación dunha mesa de traballo “para xestionar o orzamento e traballar entre todos na defensa deste lugar que tanto significa para Ribadeo”.

O CONCELLO CALCULA QUE REORIENTOU MÁIS DE 1,5 MILLÓNS EN PALIAR O IMPACTO DO COVID-19

O concelleiro de Economía de Ribadeo, Pablo Vizoso, subliñou que durante o estado de alarma ocasionado polo Covid-19 entre pagos xa realizados, medidas implantadas e accións previstas produciuse unha reorientación do orzamento de 2020 por un valor que supera o millón e medio de euros “co obxectivo de amortecer o impacto do coronavirus e reactivar a economía e a sociedade”.

O edil fixo esta observación a partir dun pleno extraordinario celebrado a petición do PP para abordar un plan económico para o municipio, unha moción que foi rexeitada polo goberno nacionalista, malia contar co apoio do PSdeG-PSOE. O goberno nacionalista cualificou a iniciativa dos conservadores de “moción xenérica que non entrou en detalles nin na forma de financiamento”.

O concelleiro ribadense indicou que o PP “solicitou a implantación de medidas e de accións que xa están adoptadas desde os primeiros momentos do estado de alarma por parte do Concello de Ribadeo como poden ser o aprazamento do pago de impostos, a suspensión das taxas de terrazas, ocupación da vía pública, mercados ou o servizo de asesoramento á cidadanía, autónomos e empresas, que contou cun nivel de resposta realmente elevado”.

Pablo Vizoso manifestou que o Concello dispuxo 651 cheques, con 512 persoas beneficiadas, para canxear por produtos básicos nos supermercados e na praza de abastos, cun gasto de 32.550 euros. Outros 230 veciños recibiron 16.451 quilos de comida achegados pola Cruz Vermella e o Banco de Alimentos, que se sumaron a outros 18.999 ofrecidos polo executivo local, con 30.463 euros de investimento.

Desde o 13 de marzo ata mediados de abril, o goberno local axilizou o pago de facturas por máis de 630.000 euros, o que “evidentemente supón un alivio nas contas de moitos autónomos e empresas provedoras”. Ademais, destaca, “aprobouse o convenio ampliado con Acisa“.

O PP PEDÍA AXUDAS DIRECTAS PARA OS NEGOCIOS E OBREIROS AFECTADOS POLO CESE DE ACTIVIDADE

Pola banda do PP, Vega lamentou que o Bloque Nacionalista Galego se opuxese á proposta “porque hai orzamento, a través do Plan de Cooperación Local, do Plan Único, de todo aquelo que se recadou dos impostos e de todo o que se aforra nas festas que non se poden celebrar”. Neste senso, os populares estimaban que se podería destinar un millón de euros a axudar aos autónomos e ás familias que se viron afectadas por un Erte“. O PP insiste en que ten que haber “unha axuda directa” para eses negocios.

Así mesmo, os conservadores solicitaban subvencións directas para “traballadores por conta allea que experimentaran unha merma nos seus ingresos a consecuencia de ser incluídos nun expediente de regulación temporal de emprego, ou tiveran a necesidade de solicitar excedencia ou redución de xornada para a atención de fillos menores de 12 anos aos que lles tivera afectado o peche dos centros educativos con motivo da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19″.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...