O Concello do Vicedo limitará o acceso a Fuciño do Porco, un dos monumentos naturais máis visitados da Mariña Lucense, para reforzar as medidas de seguridade a fin de evitar contaxios de coronavirus. A partir do vindeiro 1 de xullo, o goberno local regulará os visitantes ao sendeiro costeiro, cun máximo de 25 persoas por cada 45 minutos e a través dun sistema de cita previa por internet.
O goberno local toma esta medida “debido ás recomendacións sanitarias, formuladas a través dos documentos oficiais e directrices protocolarias sobre os novos hábitos hixiénicos e o comportamento social e cívico debido nesta ‘nova normalidade’ para afrontar a crise derivada da Covid-19, e coa intención de poder cumprir coas novas esixencias que aseguren un turismo responsable ante este contexto”, explica.
O Concello remarca que a restrición de paso cínguese “exclusivamente ao tramo que vai desde un pouco antes do comezo do tramo de pasarelas entre cantís ata a baliza marítima que dá remate ao percorrido, aproximadamente os últimos 600 metros do total dos 1,9 quilómetros da ruta (3,8 ida e volta)”.
A páxina dende onde terán que facer as reservas todos aqueles interesados en visitar Punta Socastro neste período estival é puntafucinodoporco.gal, sendo o sistema adoptado semellante, por exemplo, ó xa implantado na Praia das Catedrais de Ribadeo.
PERSOAL MUNICIPAL CONTROLARÁ OS VISITANTES
Persoal contratado polo Concello do Vicedo “exclusivamente para esta fin” encargarase de facer respectar o cumprimento tanto das normas hixiénico-sanitarias como de controlar o acceso dende as 9.00 ata as 21.00 horas de luns a domingo. Os visitantes poderán portar as súas autorizacións de paso neste último tramo ben en formato papel ou dixital grazas ao documento en formato pdf xerado unha vez rematada a xestión da súa reserva.
AS CATEDRAIS, PREVIA SOLICITUDE DESDE O 1 DE XULLO
A Praia das Catedrais poderá visitarse a partir do próximo 1 de xullo con solicitude de autorización previa á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, informa a Xunta nun comunicado.
Para visitar a praia era necesario pedir un permiso a través dunha web que, a consecuencia da crise sanitaria, pechou temporalmente, pero que agora abre de novo para solicitar as correspondentes autorizacións.
As visitas organizaranse en dous grupos de 25 persoas cada un e disolveranse cada media hora coincidindo coa baixamar diurna, de maneira que o número de pases diarios varía en función das propias mareas.
Ademais de volver activar a plataforma de autorización de acceso, nas últimas semanas a Xunta tamén deseñou un protocolo de medidas de prevención fronte á covid-19 para a visita ao monumento natural, entre as que se atopan a subida e baixada á praia mediante quendas, reguladas polos traballadores, ou a lectura de códigos QR para garantir a distancia mínima de separación entre o traballador e o visitante.
Tamén se recomenda aos visitantes circular pola dereita no seu tránsito nos camiños, mentres que o uso de máscara é obrigatorio, a condición de que non se poida manter unha distancia interpersoal de 1,5 metros.