As Asociacións Culturais Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de descubrir no concello de Barreiros dous novos xacementos arqueolóxicos. Trátase dun dolmen en Penabor e dunha mámoa no Cruceiro da Insua.
Respecto do primeiro, concretan as agrupacións, localizouse mámoa duns 15 metros de diámetro, que presenta cono de violación -buraco que testemuña o espolio do xacemento- e destaca a presenza de tres ortostatos do dolmen.
A mámoa do Cruceiro da Insua ten uns 20 metros de diámetro e apréciase no lateral sureste do túmulo o que podería ser o cono de violación.
Os colectivos mencionados veñen de solicitarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DXPC) a inclusión destes dous monumentos megalíticos no Catálogo do Patrimonio Culltural de Galicia, aínda que aseguran “temer” que “tanto a mámoa de Penabor coma a da Insua se sumen á longa lista de bens patrimoniais que a DXPC nin cataloga nin protexe debido ao seu boicot ás solicitudes que presenta Mariña Patrimonio”.
PETICIÓN AO CONCELLO DE BARREIROS
Ambas asociacións mantiveron unha reunión a semana pasada coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, para informala sobre estas novas descubertas e para solicitarlle que o Concello de Barreiros inste á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a que catalogue e protexa estes dous xacementos arqueolóxicos.