O GDR ofrece o venres unha visita guiada ao Barrio dos Muíños cun obradoiro de canteiría

Mondoñedo será a terceira parada dentro do proxecto do Grupo de Desenvolvemento Rural para promocionar A Mariña do Camiño Norte a Santiago

Barrio dos Muíños. FACEBOOK/ASOCIACIÓN BARRIO DOS MUÍÑOS

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda celebrará o vindeiro venres 25 de setembro do 2020, ás 17.00 horas, a terceira actividade dentro do marco do proxecto “Impulso e promoción de experiencias á beira do Camiño de Santiago no territorio comprendido polo GDR Terras de Miranda”, subvencionado dentro do programa O Teu Xacobeo. Este proxecto afectará directamente aos concellos polo que atravesa o Camiño do Norte: Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Trabada e Mondoñedo e indirectamente aos concellos restantes que compoñen o GDR 01 Terras de Miranda.

As diferentes actividades teñen como obxectivo destacar a riqueza cultural, natural e humana vinculada co Camiño de Santiago na Mariña Lucense. Con isto “preténdese divulgar e promocionar os diferentes recursos localizados neste territorio para o desfrute e coñecemento tanto da poboación local como para os visitantes”, remarca o GDR a través dun comunicado.

A terceira actividade terá lugar no concello de Mondoñedo. Comezará cunha visita guiada ao Barrio dos Muíños, onde se atopan os antigos talleres dos ferreiros e oleiros do lugar. A continuación realizarase unha visita ao taller do canteiro, onde se realizará un obradoiro, no cal os participantes poderán presenciar in situ como o artesán realiza a súa actividade.

PRAZAS GRATUÍTAS E LIMITADAS

Ademais, debido á situación xerada polo Covid-19 levaranse a cabo unha serie de medidas de prevención para limitar o risco de contaxio entre os asistentes coma a organización en grupos reducidos e a utilización da máscara e do xel desinfectante. Todas as actividades levadas a cabo neste proxecto son totalmente gratuítas e teñen prazas limitadas. Para mais información, os interesados poden contactar a través do correo electrónico terrasdemiranda.turismo@gmail.com ou no número de teléfono 673.472.735.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here