InicioM.ambiente e PatrimonioO galeón de Ribadeo conserva a cuberta e preto dun 20% da...

O galeón de Ribadeo conserva a cuberta e preto dun 20% da estrutura da eslora

Na actual campaña de escavación do buque, que rematará o venres, atopouse unha cureña, un tipo de carro para transportar pezas de artillería

Publicada o

- Advertisement -

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, trasladouse hoxe ata Ribadeo para acompañar ao equipo de arqueólogos que traballa na nova campaña impulsada pola Xunta de Galicia no galeón San Giacomo de Galicia. A intervención subacuática forma parte dunha actuación integral que se vén efectuando anualmente desde 2018 e que acada a terceira edición co obxectivo de avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española do século XVI.

A campaña actual, que rematará o vindeiro venres, cumpre coa finalidade de obter unha visión transversal do costado de babor e, ademais, constatar que o pecio conserva preto dun 20% da estrutura da cuberta ao longo da eslora no costado de babor. Durante os traballos en marcha, os arqueólogos tamén localizaron unha cureña naval, un elemento novidoso en España que consiste nun tipo de carro para montar as pezas de artillería, así como unha gran cantidade de munición de pedra e ferro.

TESTEMUÑA DA EXPANSIÓN MARÍTIMA EUROPEA

O pecio do San Giacomo é un dos grandes xacementos localizados até o momento da súa época e, estes últimos anos, está a aportar unha importante información arqueolóxica sobre a construción naval da Coroa do século XVI. Neste sentido, cómpre lembrar que foron moi poucas as ocasións nas que se puideron estudar embarcacións españolas da época, e nunca no estado de conservación e da categoría do buque que nos ocupa.

Comprender este proceso é de capital transcendencia no estudo da historia naval mundial, pois será a partir dos avances na arquitectura naval hispano-portuguesa do século XVI cando se produza a expansión marítima europea, que ao cabo permitiu a este continente exercer o dominio do planeta durante séculos.

Visita do conselleiro á escavación. AXM

TERCEIRA CAMPAÑA

O equipo técnico que participa nesta campaña, liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio, confórmano profesores universitarios e investigadores de prestixiosas institucións científicas internacionais como o CSIC, a Universidad de Valencia, a University of Texas, a University of Wales Trinity Saint David e a Newport Ship que contan cunha dilatada experiencia na xestión e dirección de proxectos de arqueoloxía subacuática ao longo de todo o continente europeo e americano. Cóntase, asemade, coa achega da Armada Española, que en todo momento se amosou disposta a colaborar nesta actividade científica. O Concello de Ribadeo asemade achega medios e instalacións para o desenrolo da campaña. Outras apreciadas colaboracións as aportan o Real Clube Náutico de Ribadeo e o C.A.S. Costa de Lugo.

Durante a súa visita, Rodríguez coñeceu a nave onde están expostos os restos descubertos e felicitou ao equipo de traballo pola importancia e valor para o patrimonio subacuático de Galicia dos achados que saíron á luz nesta nova campaña que deu comezo o pasado 13 de outubro. “A nosa Comunidade sitúase nun dos primeiros postos mundiais en canto á riqueza e variedade do patrimonio cultural, tamén do que está baixo a auga, por iso son importantes actuacións como esta que nos axudan a poñer en valor o noso legado subacuático”, salientou o conselleiro.

CONSERVACIÓN

As campañas desenvolvidas nos anos 2018 e 2019 pola Xunta de Galicia consistiron na realización de sondaxes arqueolóxicas para caracterizar o pecio, concluíndose a existencia dunha grande cantidade de madeira estrutural cun estrato arqueoloxicamente fértil e que conserva, no seu interior, numerosos elementos de interese patrimonial e cuxa potencia se estima moi importante. Ademais, recuperáronse algúns dos obxectos e xeorreferenciouse e caracterizouse un pecio próximo, sito ao noroeste do galeón.

Até o ano 2018, as diferentes actuacións levadas a cabo neste xacemento consistiron na toma de datos para a conservación e o estudo dendrocronolóxico para a datación dos restos. Aínda que ambas tarefas resultaron relevantes para o coñecemento científico do xacemento, na actualidade está a traballarse nun estudo integral do pecio. Unha tarefa que está a permitir afondar no coñecemento do estado de conservación e o alcance da estrutura, así como realizar actuacións complementarias para ampliar os traballos de rexistro e documentación dos restos visibles.

En canto á conservación actual do buque, ao longo de todos estes anos tense constatado que o sedimento do fondo é altamente dinámico, cunha capa de area superficial que se despraza por efecto das correntes. Na actualidade, o sistema de cubrición mediante malla tridimensional aplicado sobre determinados puntos do pecio “demostrouse moi eficaz, estando todos eles cubertos desde o ano 2012 en case a súa totalidade”, remarcan desde a Xunta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...