Importante desprendemento nun dos arcos das Catedrais

O alcalde de Ribadeo atribúe a caída das pedras "a acción da natureza" e pide "non aproximarse demasiado" aos usuarios da praia porque "non se pode predicir" este tipo de incidencias

Desprendemento nas Catedrais. AXM

Este luns produciuse pola mañá un desprendemento de importancia nun dos arcos do monumento natural da praia das Catedrais, segundo confirmou o goberno local de Ribadeo. A superficie que quedou sen pedras ten unha superficie aproximada de seis por dez metros. Non houbo que lamentar danos persoais. Técnicos de Patrimonio Natural desprazáronse ao areal para elaborar un informe que determine as causas do incidente.

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, cualificou o suceso de “fenómeno inherente” á singularidade da costa ribadense, “derivado da acción da propia acción da natureza que deu orixe ao que hoxe é As Catedrais e que vai seguir moldeando co paso dos anos. Predecir este tipo de situacións no tempo e no espazo está fóra do noso alcance“, argumentou, “polo que ás Administracións só nos queda tomar medidas preventivas ao respecto, e a veciños e visitantes tomar conciencia”.

“Desde o Concello levamos advertindo do perigo de achegarse demasiado e a Xunta de Galicia prohibiu o uso público da parte superior dos cantís desde que se produciu o tráxico accidente mortal da Semana Santa de 2018“, lembrou.

Suárez engadiu que “o certo é que As Catedrais non se debería tratar de xeito distinto ao resto da costa cantábrica e os usuarios das praias dos Castros, do Cargadeiro, por poñer un exemplo, que están no mesmo Ribadeo, non deberían ser alleos a esta problemática e levantar a garda aproximándose demasiado aos cantís”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here