Escavan o xacemento do Coído, no polígono de Cuíña, onde os restos de cerámica “están á vista”

Mariña Patrimonio impulsa a cata nunha parcela con inusual abundancia de vestixios cerámicos, sobre os que os arqueólogos dubidan se son da Idade do Bronce ou de época medieval

Escavación no polígono de Cuíña. MARIÑA PATRIMONIO

Arqueólogos iniciaron esta semana a escavación dunha área situada na contorna do polígono industrial de Cuíña (Cervo), onde no ano 2010 a asociación Mariña Patrimonio avisou da aparición de numerosos restos de cerámica. A propia agrupación, co apoio económico da área de Cultura da Deputación de Lugo, impulsa esta cata arqueolóxica, que finalizará o vindeiro xoves e coa que tamén colabora o Concello de Cervo, que é o propietario dos terreos.

A parcela que vai ser escavada está ubicada a uns 20 metros da antiga pista de pádel do polígono, na zona de Coído, onde os técnicos do Servizo de Patrimonio de Lugo detectaron “unha concentración notable de cerámica”. Partindo da hipótese de que se podería tratar dun sitio arqueolóxico da Idade do Bronce, Mariña Patrimonio solicitara protección para este xacemento, finalmente non foi incluído no catálogo.

A DEPUTACIÓN FINANCIA A ESCAVACIÓN E O CONCELLO, TITULAR DA PARCELA, COLABORA

“Desde Mariña Patrimonio sabemos que na Mariña hai un montón de pequenos xacementos que non son tan atractivos coma outros, e sabemos que hoxe en día as intervencións fanse tendo moito que ver con esa espectacularidade. Deste xeito, outros sitios arqueolóxicos quedan totalmente esquecidos cando poden ofrecer información moi interesante”, lamenta Manuel Miranda, presidente da agrupación. Deste xeito, é a primeira vez que o colectivo se anima a impulsar un proxecto deste tipo, grazas á colaboración das administracións, posto que o goberno provincial financiou as actuacións e o goberno local “puxo todas as facilidades” no tocante á súa propiedade para a escavación.

O proxecto, atrasado pola Covid-19, comezou onte. Segundo conta Miranda, chama a atención a profusión de cerámica. “Os arqueólogos sorprendéronse de que por primeira vez os restos estaban á vista; normalmente cando chegan a un xacemento nos primeiros 30 centímetros nin miran, xa intúen que non hai nada, pero neste caso aparecen en superficie, entre as raíces da herba, o cal tamén dificulta as cousas”, concreta. O presidente do colectivo salienta que “a directora da escavación di que é onde máis vestixios cerámicos leva atopado”.

RESTOS DECORADOS

Nas primeiras horas apareceron, deste xeito, “fragmentos de cacharros” que foron sacados á superficie por mor de sobre os movementos de terra producidos por tareas de limpeza nunha finca do polígono de Cuíña, pero “tamén outros en sitios nos que non se fixeron estas labores”. A cerámica achada ten decoracións pero abre un interrogante para os arqueólogos, “que non teñen claro se é da Idade do Bronce ou dun tipo da época medieval que se asemella moito”. O tempo e a arqueoloxía dirán, despois de que os vestixios se leven ao laboratorio e se proceda a datación. Sobre o tipo de xacemento ou asentamento que se está a escavar, os científicos teñen as mesmas dúbidas.

PROLIFERACIÓN DE CANTOS RODADOS

Outra das singularidades do xacemento son “a cantidade de cantos rodados que hai, moitos deles partidos á metade, o que fai pensar que foron alí levados por algún motivo”, explica Miranda, que valora que aínda que a investigación non valide a hipótese de partida, e o sitio arqueolóxico non sexa tan antigo no tempo como se pensaba, podería ser igualmente interesante: “a maioría dos xacementos da Idade Media están asociados a zonas urbanas, hai poucos estudados no rural, polo que nos podería revelar cousas interesantes sobre o noso pasado”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here