Os veciños de Ove acondicionan o mirador de Santa Cruz coa achega da Deputación

Actuaron en 5.000 metros cadrados, nos que substituíron árbores alóctonas por carballos e castiñeiros, e tamén preto da capela

Mirador de Santa Cruz, co monumento ao gaiteiro. AXM

Os veciños de Ove realizaron actuacións de limpeza na contorna do mirador de Santa Cruz para poñer en valor este recurso turístico.

Nas tarefas participaron veciños da parroquia de San Xoán e socios da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santa Cruz e Capela de Ove.

As actuacións, que a Deputación de Lugo financiou con 15.500 euros, afectaron a uns 5.000 metros cadrados.

Nesta superficie, as actuacións consistiron na retirada de especies forestais alóctonas, para substituílas por outras autóctonas de baixo porte, como carballos ou castiñeiros.

Deste xeito, ademais de favorecer a rexeneración natural das árbores, favoreceron a visión da paisaxe desde o miradoiro.

CAPELA

Tamén se realizaron traballos de poda das árbores preto da capela, que impedían a entrada de luz no interior desta construción e que podían facer perigar o equilibrio dos muros.

No espazo do mirador, situado a tres quilómetros do núcleo urbano de Ribadeo, atópase a Capela de Santa Cruz e dúas cruces de alto valor patrimonial.

Tamén está ubicada na zona unha área recreativa e o monumento ao gaiteiro, obra do escultor ourensán Antonio Faílde.

VISTA PANORÁMICA

O mirador ofrece unha vista panorámica de parte do concello ribadense e de Asturias.

Avístanse núcleos como Vilavedelle, Castropol, Ensenada de la Linera, Figueras, a Ponte dos Santos, a praia de Peñaronda e a desembocadura do río Eo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here