A Xunta investirá 300.000 euros na restauración das pinturas murais da Catedral de Mondoñedo

Os actuais traballos resolverán "as importantes patoloxías" dos conxuntos murais do presibiterio e a nave central, causadas polas humidades

Presentación das obras. AXM

Xunta de Galicia e Diócese de Mondoñedo-Ferrol presentaron este martes o proxecto de restauración das pinturas murais da Catedral de Mondoñedo, que vén de ser licitado. O Goberno autonómico avanzou que investirá máis de 300.000 euros para a restauración do conxunto mural do presbiterio e da nave central. Trátase dunhas actuacións para “seguir revalorizando un dos máis destacados Ben de Interese Cultural de Galicia e unha das xoias do Camiño do Norte”, expuxo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presente no acto.

Os actuais traballos resolverán, concreta a Xunta, “as importantes patoloxías nas pinturas debido ás humidades. O proxecto, cofinanciado con fondos FEDER, permitirá resolver os danos na policromía barroca, a pintura mural da nave e o retablo do altar maior”,

Por iso, faranse traballos de limpeza superficial, protección das zonas en perigo de desprendemento, consolidación de morteiros, fixación da policromía, reintegración e limpeza cromática, entre outras. Para poder desenvolver os traballos asinouse un convenio de colaboración coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol para a conservación de varios inmobles eclesiásticos.

A duración dos traballos será de once meses e o importe total dos mesmos ascenderá a 308.788 euros.

Rodríguez concretou que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 1,1 millóns para a restauración da súa cuberta e da Casa dos Coengos.

PLAN CATEDRAIS

Ademais, adiantou que a Xunta prepara o novo Plan Catedrais, coa previsión de aprobalo esta primavera, dirixido fundamentalmente aos templos matrices de Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo co fin de “protexer e valorizar o patrimonio como un elemento de desenvolvemento económico e emocional”.

A Xunta concreta que “blindará o mantemento e conservación destes cinco grandes templos galegos no horizonte do Xacobeo 2027“.

O conselleiro, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, argumentou que este Plan será unha “útil ferramenta” que reforzará a planificación e marcará a folla de ruta dos vindeiros anos. Rodríguez sinalou como punto de partida a Catedral de Santiago onde, grazas aos traballos de rehabilitación coordinados e aos esforzos conxuntos, “reestreouse” este 2021 nas mellores condicións para a década xacobea.

Por parte da diocese interviron o administrador diocesano e o ecónomo, Antonio Valín e Xoán Xosé Fernández, respectivamente, nun acto no que tamén participou o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here