Foz e Barreiros, contra unha nova actuación sobre a ría: “os espigóns quitaron problemas e crearon outros”

Ría de Foz. TURISMO DE GALICIA

Unha oposición unánime. É a resposta que colleitou na sociedade de Foz e Barreiros o proxecto de espigón que Costas do Estado pretendía construír para estabilizar a praia de Altar, situada no termo municipal barreirense. O muro de formigón armado, de case 200 metros de lonxitude e ata sete metros de altura, e cun orzamento estimado de 3,5 millóns de euros, dividiría en dous o areal a fin de evitar a súa continua erosión e tamén para solucionar, dun xeito provisional, a falta de calado na canle de acceso ao porto focego. Para a veciñanza da Mariña supón a enésima obra nunha zona, a ría do Masma, na que se sucederon distintas actuacións que foron solucionando problemas no estuario para crear outros novos.

REXEITAMENTO AO PROXECTO PARA ESTABILIZAR A PRAIA DE ALTAR, CON 3,5 MILLÓNS DE ORZAMENTO

O pasado 31 de marzo, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba o anuncio de exposición pública do proxecto, que se completa coa realización dunha dragaxe no interior da ría para depositar a area en Altar, que sería fixada polo espigón. Tanto os Concellos como o tecido asociativo, ademais da veciñanza –máis de 4.000 sinaturas apoiaron unha campaña en Change.org– amosado o seu descontento cun plan impulsado en 2007, que foi freado en 2010, pero que se decidiu retomar ante a situación da praia.

O Goberno central abriuse a atender as alegacións presentadas e posiblemente frear de novo a execución deste proxecto, en atención ao clamor popular tras unha reunión entre a subdelegada do Executivo, Isabel Rodríguez, e Fran Cajoto, alcalde de Foz, e Ana Ermida, rexedora de Barreiros.

UN PLAN QUE “NON TEN GARANTÍAS SOBRE O CUMPRIMENTO DOS OBXECTIVOS”

Entre os motivos expostos para opoñerse ao plan, a falta de garantías sobre o cumprimento dos obxectivos marcados; a posibilidade de adoptar medidas menos duras nun intre no que a praia non está tan descarnada como en anos anteriores; o impacto visual e paisaxístico nunha contorna de gran valor ecolóxico; ou tamén as consecuencias que podería ocasionar na práctica dalgúns deportes, entre eles o surf, que supoñen un atractivo turístico.

O mellor presente do areal é, con todo, unha situación circunstancial. “A verdade é que non ten que ver o momento actual da praia co de hai tres anos, pero non se trata de que haxa unha mellora, simplemente a dinámica mariña das correntes está a favorecer e proporcionar area”, admite Ermida (BNG). Deste xeito, Altar require de actuacións, pero non tan agresivas, entende.

O ESPIGÓN PROXECTOUSE HAI 14 ANOS

Os Concellos remarcan que Costas non garante cumprir os obxectivos que se propón. O goberno local focego, que contratou unha consultoría externa para presentar alegacións, dubida de que a obra “poida alcanzar a estabilización da praia, incluso podería facer persistir o problema e erosionar máis a outra parte”, salienta o rexedor, Fran Cajoto (PSdeG).

“Presentáronse alegacións tamén para solicitar unha análise ou estudo máis actualizado das dinámicas de correntes; tamén para avaliar especies ambientais e mariñas; e para reducir o impacto ambiental”, precisa o rexedor.

O nacionalista Javier Fanego, edil de Medio Ambiente no bipartito focego, coincide: “non hai garantías de que, aínda solucionando esta cuestión, non haxa outro tipo de problemas importantes na ría. A verdade é que non habendo esa certeza entendemos o rexeitamento popular e non lle vemos moito sentido”, expón.

A asociación A Ribeira de Foz dubida de que o espigón proxectado sirva para mellorar as canles de acceso ao peirao de Foz, “porque sabemos que a dinámica da ría colmata area nas bocanas dos peiraos, de xeito que nuns poucos anos volvería haber area no mesmo sitio”, argumenta o seu presidente, Alberto Burundarena.

Plano do espigón proxectado para Altar. MINISTERIO DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA

PARA O TECIDO ASOCIATIVO, AS CONSECUENCIAS DA OBRA SOBRE O ESTUARIO “SON IMPREDECIBLES”

Así, pide que non se acometa un proxecto “cunhas consecuencias impredecibles. O noso medo é que de facer o espigón cambien as dinámicas, e a propia corrente que vai bordeando a costa, e bordeando o paseo marítimo e a praia, leve os bancos de area que hai fronte da praia de Anguieira, e ao oeste da praia de Altar, varréndoos para dentro da ría de Foz e colmate aínda máis de area tanto as canles de acceso aos peiraos e a propia ría“, afirma.

Ademais, o colectivo recela dun estudo que data de 2007, “non porque creamos que está mal feito, senón porque en 14 anos o estuario cambiou“.

OS CONCELLOS PIDEN PALIAR A EROSIÓN DA PRAIA CON TRASVASES PERIÓDICOS DE AREA

As distintas alternativas que ofrece Costas no estudo, sendo a elixida a máis valorada polos técnicos, pasan pola construción dalgún espigón. Os Concellos e o tecido asociativo avogan por medidas menos drásticas. “Todas as solucións eran de máximos e botamos en falta opcións máis brandas”, indica Ermida, que opta polos trasvases periódicos de area, que contribuirían a paliar a erosión favorecendo que se mantivesen os usos turísticos.” O impacto paisaxístico, medioambiental, porque é unha zona especialmente sensible, non compensa”, sostén.

Do mesmo xeito, A Ribeira apela a “solucións máis sinxelas para a praia de Altar, como as que se levaron a cabo na praia do Orzán da Coruña, onde non se fixo un espigón senón que se leva area puntualmente en inverno“.

AS CONSECUENCIAS DE CONSTRUÍR “CASE ENRIBA DA AREA”

No que coinciden todas as fontes é na delicada situación dun estuario que as sucesivas actuacións humanas foron modificando significativamente, con resultados moitas veces cuestionables. “Na fotografía aérea vas vendo a evolución da ría, como foi cambiando a canle de saída, o fluxo de correntes, ves que co paso dos anos o cambio foi moi grande“, asevera Fanego.

“Os problemas que se dan, non só en Altar, senón tamén noutros sitios, veñen dadas polas construcións de espigóns ou paseos marítimos, case enriba da area. Sería absurdo buscar culpables agora porque hai un cúmulo de causalidades“, xulga Ermida.

A CONSTRUCIÓN DO FERROCARRIL, PRIMEIRO PUNTO DE INFLEXIÓN PARA A VARIACIÓN DO CAUCE

Para A Ribeira, os problemas da ría veñen “de moitos anos atrás”. Concretamente, dos anos 30, cando -entre 1930 e 1932- se construíu a ponte do ferrocarril sobre o Masma. Deste xeito, asegura a agrupación, “a desembocadura, que ía cara leste de forma rectilínea, pegada a Pena Rubia e transitando fronte á praia de Altar, desviouse facendo unha curva, como se fose unha fouce, e saíndo da Punta Arnela en dirección leste”.

“As obras do ferrocarril desviaron o cauce do río, que ata entón viña a carón de Foz e desde aquela foi correndo cara o lado de Barreiros. Deixouse moi pouco paso para a desembocadura e levouse o caudal a unha beira”, afonda Burundarena. De aí, asegura o dirixente da Ribeira, “fóronse facendo diques e diques, obras que solucionaban problemas pero que creaban outros novos“, lamenta.

Na memoria do proxecto de espigón na praia de Altar, Costas admite que “as sucesivas obras de canalización da ría alteraron substancialmente o equilibrio da praia de Altar nas últimas tres décadas”.

 

EN 1969 CONSTRUÍUSE UN ESPIGÓN NA RAPADOIRA; NO 1987, EN ALTAR

Nos ano 1969 construíuse o espigón da praia da Rapadoira, a fin de garantir a operatividade do porto, dados os problemas de entrada e saída que traían de cabeza a mariñeiros e patróns da época. O treito final de desembocadura non estaba fixado e os bancos de area eran complicados de localizar, polo que nos días de mal tempo había risco de varamento.

Foron en principio 300 metros, que logo pasaron a 450 en 1980, o que segundo o informe de Costas “produciu un impacto notable nas dúas praias (Rapadoira e Altar), pois o dique alterou significativamente as correntes”, o que provocou que fose desaparecendo area gradualmente na zona do termo municipal barreirense.

A RÍA ESTÁ PECHADA AO MARISQUEO: “ANTES HABÍA BIVALVOS A ESGALLA”

Segundo A Ribeira, as obras na Rapadoira fixeron desaparecer tamén paulatinamente o areal natural de Anguieira, en Barreiros. No 1987 acometeuse un novo espigón para protexer Altar da erosión que sofría polas ondas do mar e para tentar recuperar Anguieira.

A construción do muro, que se veu complementada coa realización dunha dragaxe, “foi un parche” que non solucionou este problema, posto que “as correntes cambiaron e hai unha corrente de enchente que vén a carón da praia de Altar provocando o seu deterioro”, indica Burundarena. Ademais, considera A Ribeira, “esta actuación foi moi contraproducente para os bivalvos da ría, xunto á maior contaminación das casas, porque cambio a osixenación do estuario. Antes había marisco a esgalla“, lamenta. Entre as especies, os chícaros, como coñecen os focegos ao berberecho, ameixas ou longueiróns.

“FANSE OBRAS QUE NON TEÑEN EN CONTA O RESTO DOS RECURSOS, A RÍA COMO ECOSISTEMA”

Ademais, o colectivo destaca a realización dun malecón para canalizar o cauce cara os asteleiros e que “o que provocou foi acumular máis area. Realizáronse obras relacionadas unicamente con algún dos recursos da ría que non tiveron en conta o resto dos recursos do Masma e da desembocadura, porque os estuarios funcionan como ecosistemas”, manifesta a agrupación.

Por iso, asegura, a solución para a ría “é que a toquen o menos posible. Non nos opoñemos a que se fagan dragaxes, pero non a costa de que o estuario se vexa prexudicado”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here