Viveiro agarda polo permiso de Augas de Galicia para limpar a ponte de Landrove

O Concello ten autorización de Patrimonio para unha actuación a executar "na maior brevidade posible" ante o deterioro da construción, de época medieval

Ponte de Landrove. ADELA NEIRA

O Concello de Viveiro agarda que Augas de Galicia emita a autorización sectorial precisa para a execución da limpeza de vexetación na ponte medieval de Landrove, unha vez a dirección xeral de Patrimonio Cultural concedeu o permiso necesario para realizar unha actuación que o goberno local considera urxente.

O goberno local explica que o pasado 22 de outubro enviou a Augas de Galicia e Patrimonio Cultural a memoria elaborada pola oficina de rehabilitación do casco histórico, cunha solicitude para a realización das obras previstas no documento.

Segundo expón o Concello, o informe destaca que a ponte padece “patoloxías” que, de non remediarse “na maior brevidade posible”, provocarán “un previsible deterioro” e mesmo “o desmoronamento” da mesma.

UN INFORME ALERTA DAS “PATOLOXÍAS” DA CONSTRUCIÓN, QUE PODERÍAN PROVOCAR “O DESMORONAMENTO DA MESMA”

PERDA DE PERPIAÑOS

O informe resalta que a perda de perpiaños e material de xuntas é acusada na parte da ponte que recibe a forza do caudal, se ben estes elementos construtivos para tamén se atopan deteriorados no tallamar augas abaixo, sobre todo pola presenza de vexetación.

Vexetación na ponte. AXM

A memoria propón a eliminación da vexetación -hedras, árbores, musgos- adherida ás fábricas da ponte e tamén a que oculta o arranque dos arcos.

Outra das medidas a acometer é a reconstrución do tallamar do piar central da ponte, coa colocación dos perpiaños desprazados.

A VEXETACIÓN CAUSOU DANOS NOS PERPIAÑOS DE AUGAS ARRIBA E NO TALLAMAR DA PARTE AUGAS ABAIXO

Finalmente, aconséllase a restauración da vexetación de ribeira autóctona nos arredores, para evitar a presenza de especies invasivas.

ANOS DE RECLAMACIÓNS

Os veciños de Landrove reclaman desde hai anos o arranxo da ponte por mor da incidencia das árbores e da maleza e alertan da posibilidade de que unha riada derrube a construción.

PATRIMONIO

Desde o Concello informan de que a dirección xeral de Patrimonio Cultural vén de autorizar a limpeza da vexetación da ponte e a recuperación da súa contorna.

PATRIMONIO INSTA A ADIAR MEDIDAS DE REFORZO ATÉ COMPLETAR A LIMPEZA E AVALIAR AS CONSECUENCIAS DAS ACTUACIÓNS

No tocante ás actuacións no tallamar e nas fábricas da ponte, Patrimonio Cultural insta a adiar o informe das actuacións ata a realización da limpeza e dunha análise máis fonda sobre o alcance das intervencións propostas na construción.

Segundo expón o goberno local, nesta resolución indícase que se incorporarán planos da proposta de intervención. Esta documentación gráfica e a memoria de actuacións requerirán da autorización da Consellería de Cultura.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here