Mondoñedo aspira a ser a sede da Federación Española de Espeleoloxía

A Federación Galega pretende que a cidade acolla a agrupación estatal da especialidade e crear unha biblioteca especializada no Pazo de San Tomé

Marta Míguez, Elena Candia e Francisco Martínez durante o acto no consistorio de Mondoñedo. AXM

Mondoñedo aspira a converterse no centro da espeleoloxía estatal. O presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, Francisco Martínez, adiantou a intención de traer á cidade a sede da nova Federación Española, aínda por constituír formalmente.

O proxecto inclúe tamén a creación dunha biblioteca especializada con fondos bibliográficos sobre a materia no Pazo de San Tomé.

Martínez fixo o anuncio este martes coincidindo coa visita á Cova do Rei Cintolo da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, quen destacou “o traballo realizado polos espeleólogos para descubrir e poñer en valor a cavidade”, a meirande de Galicia.

Na recepción previa no concello, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explicou que, nos últimos anos, a cova acadou unha gran proxección como recurso turístico e deportivo, converténdose nunha fonte de ingresos para o municipio.

A Cova do Rei Cintolo superou os 2.000 visitantes no que vai de ano

Candia sostivo que a promoción non pretende “masificar” a cova, e avogou por un “uso respetuoso e sostible” deste recurso natural.

Visita á cova de Míguez. GONZALO VILLARMEA

ALBERGUE

A rexedora explicou que se están a realizar os últimos traballos para habilitar en Pacio, fronte á cova, un albergue con 54 prazas de aloxamento destinadas a grupos que fagan incursións espeleolóxicas na formación.

candia asegurou que están a rematar os traballos para habilitar un albergue de 54 prazas fronte á cavidade

Ademais, referiuse á topografía en tres dimensións da cova que está coordinando o espeleólogo vigués Marcos Vaqueiro.

Candia apuntou a posibilidade de realizar unha impresión en 3D que faga “máis accesible” o coñecemento desta formación natural, que acada os 11 quilómetros de desenvolvemento.

PROBA DEPORTIVA

A Cova do Rei Cintolo tamén traerá a Mondoñedo o Campionato de España de Técnicas de Progresión en Espeleoloxía, que se celebrará no pavillón mindoniense os vindeiros 11 e 12 de outubro de 2019.

mondoñedo acollerá en outubro de 2019 unha proba do campionato de españa da especialidade

Martínez confirmou a cita que, explicou, sempre se celebra en instalacións exteriores para non danar os fráxiles ecosistemas das covas.

O espeleólogo destacou que a esixencia deportiva do recorrido guiado pola cova é un dos maiores atractivos para os visitantes que, subliñou, viven unha experiencia diferente ao “turismo de pasarela” que se ofrece noutras cavidades con maior sona.

Ao acto no concello acudiron estudantes do Ciclo de Actividades Físicas e Deportivas do IES Monte Castelo de Burela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here