“Vivimos pegadas ao teléfono”: as enfermeiras denunciarán a súa precariedade na OPE deste domingo

O movemento Enfermeiras eventuais en loita empraza ás máis de 8.700 opositoras á vestir de negro para denunciar o encadeamento de contratos de duración ínfima

Persoal de quirófano do HULA. FACEBOOK EVENTUAIS EN LOITA

Este domingo, as enfermeiras tinguirán de negro o recinto de Silleda, onde 8.734 persoas se presentará a un concurso oposición no que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) oferta 372 prazas de turno libre.

O movemento Enfermeiras eventuais en loita, que se espallou por toda Galicia a través das redes sociais, ven organizando desde hai semanas un acto de protesta para denunciar a precarización do emprego en enfermería, o colectivo sanitario máis numeroso.

Emprazan ás opositoras a ir vestidas de negro ao exame para conseguir unha instantánea que visibilice ante a sociedade as condicións en que traballan na sanidade pública.

DURACIÓN DOS CONTRATOS

“En oito anos, o contrato máis longo que tiven foi de trinta días”,  conta Jorge Novo, un dos impulsores desta acción reivindicativa para a que mesmo fixeron camisetas cun deseño propio.  Desde que entrou na lista de chamamentos en 2011, acumula 259 contratos, 119 deles de dous días ou menos.

“Neste tempo non tiven nin un só día de vacacións, nunca tiven un contrato que xenerase ese dereito”, denuncia o enfermeiro.  Na súa vida laboral, constan como días cotizados dous anos e oito meses.

“A xente ten unha percepción equivocada sobre as nosas condicións. A maioría cre que traballar no sistema público ofrece unha certa estabilidade. Nada máis lonxe da realidade”,  explica.

Nas listas de contratación temporal do Sergas figuran 10.774 enfermeiras. 334 sinalaron Burela como área preferente de chamamento, 1.008, Lugo, e 178, Monforte.

XESTIÓN DOS CHAMAMENTOS

“Vivimos pegadas ao teléfono todo o día, pendentes dunha chamada do Sergas.  Poden chamarte tres horas antes de ter que entrar a traballar e non podes decir que non, se non penalízante. Se renuncias unha vez, relégante ao fondo da lista. Se o fas dúas, quedas fóra durante un ano”, expón.

“É imposible planificar nada ou conciliar. Se non tes con quen deixar os nenos, ao Sergas non lle importa. Suponse que a administración pública debería ser exemplar niso”, lamenta.

A xestión das contratacións realízase dacordo co establecido no Pacto de Selección de Persoal estatutario temporal, elaborado nunha mesa de negociación cos sindicatos que, agás SATSE, asinaron o acordo (De non chegarse a un acordo, permanecería vixente o anterior)

SEN DEREITO AO DESCANSO

As eventuais poden solicitar unha suspensión de chamamentos de trinta días ao ano. “Vendérono como unhas vacacións, pero obviamente se non te chaman non tes ningún ingreso , que é ben diferente”, critica Novo.

As traballadores consideran especialmente lesionado o dereito ao descanso. “Hai persoas que acumulan ata 60 días de traballo consecutivos“.

Non é unha situación provisional. Segundo a Asociación de Enfermería Sociosanitaria da Coruña, as enfermeiras tardan unha media de once anos en acceder a un contrato de maior duración.

“Lograbas certa estabilidade cando accedías a unha vacante xenerada por unha xubilación ou situacións semellantes, pero agora incluso moitas desas prazas son cubertas con contratos de acumulación de tarefas, renovables mes a mes ata un máximo de seis”, denuncia o enfermeiro que alude a un “uso fraudulento” fraudulento desta modalidade de contratación.

“O 45% DAS ENFERMEIRAS SON TEMPORAIS”

Segundo as estimacións do colectivo, o 45% por cento das enfermeiras da sanidade pública son eventuais. “Entendemos que hai situacións que teñen que ser cubertas con contratos de días, pero esta cifra de temporalidade é excesiva”.

“A mostra máis evidente é que teñen dificultades para cubrir as quendas de traballo do domingo, cando a maioría de nos estará facendo o exame. Iso malia que se trata dun día no que os servizos están ao mínimo”, argumenta.

Ademais da precariedade, as traballadoras denuncian que roldan por distintos servizos: “un día en medicina interna, outro nun centro de saúde, outro, ao mellor, nun quirófano”.

O Sergas, apuntan, ten listas específicas para áreas especiais como a UCI, quirófanos, ou neonatos, entre outros, pero “se se agotan, poden chamarte igualmente”.

“Estamos xogando con vidas humanas. Ao final, os máis afectados por estas situacións son os pacientes. E iso non se pode tolerar”, conclúen.

O movemento, que conseguiu unha gran repercusión nas redes sociais sumando apoios de personalidades da cultura, anuncia novas accións reivindicativas para despois da “Ope Negra”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here