De Xixón a Foz na defensa do tren: “botan á xente, queren pechar o servizo ou privatizalo”

Decenas de usuarios viaxarán este sábado no tranvía desde Asturias á Mariña Lucense para reclamar un servizo de cercanías público e de calidade

Imaxe da primeira viaxe reivindicativa. FACEBOOK

Desde Xixón ata Foz para reivindicar un tren público de calidade. Decenas de persoas do Principado de Asturias farán esta viaxe na liña de Ferrocarrís Españois de Vía Estreita (FEVE) a modo de protesta pola falta de fiabilidade do servizo, unha denuncia que é idéntica á realizada desde Galicia, na outra beira do Eo.

Os usuarios do servizo ao outro lado da ría de Ribadeo maniféstanse por segunda vez deste xeito para denunciar que o servizo do tren de ancho métrico “é un desastre. Estanse a cancelar servizos diariamente e a xente queda en terra. Os autobuses que mandan cando hai supresións recollen pasaxeiros nas paradas, pero deixan outros tirados nos apeadoiros“, lamenta o voceiro da plataforma que convoca a protesta, Carlos Fernández Mayo.

Fernández Mayo sitúa o declive do tren de cercanías “no momento no que se empeza a apostar de verdade polo AVE. Potenciáronse as viaxes da xente que ten máis cartos e afundiuse o medio dos traballadores, dos xubilados e dos estudantes, que non poden fiarse do tren cando falla constantemente”, argumenta.

Cartel da convocatoria. AXM

“IMPOSIBLE IR DE LUARCA A OVIEDO E VOLVER NUN DÍA”

A última decepción dos usuarios foi este mesmo venres, cando volveu suprimirse a liña Ribadeo-Cudillero, do tren de media distancia que conecta Galicia, Asturias e Cantabria. O servizo xa fallara varios días consecutivos a finais de agosto. “De catro servizos diarios que temos de cercanías, dous en cada sentido, hai días en que fallan todos“, subliña.

A situación do tranvía no Occidente de Asturias non é mellor ca na Mariña Lucense e Fernández Mayo salienta que “é imposible facer a liña Ferrol-Oviedo nun día, ir e volver. Como é posible isto no século XXI?”, pregunta. Aínda agrega algo que sorprende malia as moitas denuncias realizadas: “desde Luarca, onde resido, non é posible ir á capital do Principado na mesma xornada. Como vai montar a xente no tren?”, inquire de novo.

RECONDUCIR A DERIVA DO FEVE

A conclusión das plataformas de usuarios, sexa en Galicia sexa en Asturias, é a mesma: “ou se tenta pechar o servizo ou se tenta privatizar. Quérese botar á xente”, critican.

Este sábado, o tren -coa presenza de alcaldes de varios municipios do Occidente de Asturias, como Tapia, Cudillero ou Valdés– partirá de Xixón ás 7.01 horas para chegar a Ribadeo (11.29) e Foz (11.52). Logo volverá desde a localidade focega (18.19) á cidade xixonesa (23.09). Irá e virá cargado de razóns para reconducir a deriva do FEVE.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here