InicioMovementos SociaisLaura Freixas: "o capitalismo vende meritocracia pero agarda mulleres que prioricen os...

Laura Freixas: “o capitalismo vende meritocracia pero agarda mulleres que prioricen os desexos dos demais”

A escritora barcelonesa falará o xoves en Ribadeo sobre 'A mi no me iba a pasar', a súa autobiografía con perspectiva de xénero

Publicada o

- Advertisement -

A historia dunha muller que se quita unha venda e fai reconto do vivido coas lentes lilas do feminismo. A testemuña de como unha moza “delgada, de vaqueiros e cara de poucos amigos” pode renunciar a si mesma para converterse nunha “mamá como Dios manda” e esposa dependente economicamente do seu marido, a protagonista “dunha película malísima e carísima de producir”.

É a historia que conta a autobiografía ‘A mí no me iba a pasar, da escritora, crítica literaria e editora Laura Freixas (Barcelona, 1958), que ofrecerá este xoves (Hotel O Cabazo, 20.00 horas) unha charla en Ribadeo, organizada polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade.

REVISIÓN DO PASADO

P. Que a levou a escribir este libro?

Quería pechar unha etapa da miña vida, que abrangue desde 1985, cando coñezo ao que ía ser o meu marido, ata 2003, cando me divorcio. Xurde de facer un esforzo por entender por que me pasara a min o que crin que nunca me ía pasar, no sentido de asumir roles femininos e modos de vida que eu cría que desprezaba e que non me interesaban. Á vez, de darme conta de que o que me pasara a min pasáranos un pouco a todas, polo que o meu libro é unha reflexión crítica -non teórica, porque non formulo unha teoría, senón que é unha narración- sobre unha sociedade desigual.

“O LIBRO É UN ESFORZO POR COMPRENDER POR QUE ASUMÍN MODOS DE VIDA QUE CRÍA QUE DESPREZABA. DINME CONTA DE QUE NOS PASARA UN POUCO A TODAS”

Conto a miña experiencia como ama de casa e nai, pero tamén como profesional, pois daquela eu traballaba como editora e escritora. A discriminación sutil no mundo profesional, a incompatibilidade de ser traballadora e nai. Dísenos que fose unha cuestión de organización do tempo e de horarios, cando hai un sistema de valores capitalista, que por un lado é individualista e por outro agarda mulleres compracentes.

CONTRADICCIÓNS

Fai fincapé nesa contradición entre a meritocracia que vende o capitalismo e a submisión que se espera das mulleres, un equilibrio imposible.

Si, porque por un lado hai unha mensaxe de dar prioridade aos teus propios desexos e proxectos, e por outro hai unha mensaxe de dar prioridade aos intereses alleos; iso conleva a renuncia. Non podes ser á vez un cazador solitario, o que eu chamo o Yeti, e unha creadora de felicidade, de bo ambiente ao teu redor, que é o que se espera de ti. As dúas cousas non se pode; ese é un dos aspectos que eu fun entendendo da miña experiencia.

“tentan convencernos de que ser traballadora e nai é cuestión de organizar horarios e non un sistema de valores”

É a gran mentira coa que medrou.

Si. Primeiro, pois eu crieime no franquismo e tiña 17 anos cando morreu Franco, medrei coa mentira de que tería as mesmas oportunidades ca un home. Viñamos dunhas leis inxustas e crimos que con facer algunhas máis igualitarias estaba todo feito.

Despois, tamén coa mentira de que non hai contradicción entre que sexas competitiva e loitadora por un lado e moi mona e sorrinte por outro, organizando unha festa fenomenal de cumpreanos para o teu fillo.

“FAMILIAS DE ANUNCIO”

Cárgase ás mulleres co peso -e coas renuncias que implique iso, mesmo ao divorcio- de que a familia sexa vista a ollos da xente como “perfecta, de anuncio”.

Espérase das familias que sexan perfectas, pero grazas ás nais. Fálase de “boa nai” ou “mala nai” pero non de “bo pai” ou “mal pai”. Non hai un debate social artellado sobre esas expresións. Non hai un ideal ou un contraideal. Fálase de “nais traballadoras”, pero dáse por suposto que os pais traballan, porque para eles non hai conflito, hai unha muller que se ocupa diso.

Para conseguir a igualdade, o feminismo debe quitar á luz situacións de desigualdade silenciadas. Un exemplo é a violencia contra as mulleres, outro o acoso sexual, sobre os que se puxo o foco, pero creo que é fundamental visibilizar as contradicións subxectivas, como as mulleres vivimos as nosas contradicións na nosa vida privada. Iso sen descoidar un aspecto do que non se fala, e é que somos vítimas e cómplices do que nos pasa.

“ao feminismo fáltalle visibilizar as contradicións que as mulleres vivimos na nosa vida privada, das que somos vítimas e cómplices”

Eu reivindico iso porque hai comportamentos e valores como o coidado, as relacións persoais, as emocións, que as mulleres asumimos por razóns históricas e sociais, que encarnamos, que debemos reivindicar porque son valores socialmente necesarios, aínda que relegados e desprezados.

OS COIDADOS, RELEGADOS SOCIALMENTE

A min ser ama de casa e nai gustábame, unha parte diso, eu reivindico eses valores das nais. Unha sociedade composta unicamente por cazadores e emprendedores sen que ninguén acompañe ao médico á filla ou a avoa enferma sería insoportable. Pero é inxusto que os homes non asumades a vosa parte, e tamén que o traballo na casa non se valore, non estea remunerado, non cotice. O coidado debe ser algo asumido por toda a poboación, e para iso necesitamos a corresponsabilidade dos homes.

A SEDUCCIÓN DO PATRIARCADO

A sociedade concibe aínda a parella, ou o matrimonio, como destino último dunha muller. Hai anos, o por aquel entón alcalde de Barreiros, un municipio fronteirizo ao de Ribadeo, onde ofrecerá a charla, dixo que “as mulleres son feministas ata que se casan”, unha frase que levantou polémica a nivel estatal. Non sei se a lembra.

Non a lembraba (risas).

Vostede é unha muller de formación ampla e con coñecemento desde moi cedo dos ideais feministas. Como operou o patriarcado para anular esa bagaxe e confinala?

Eu era unha feminista que se converteu no que chaman unha “maruxa”. O meu marido era un executivo agresivo e formei unha familia totalmente tradicional. Iso por que? Porque creo que era feminista en canto ás ideas, pero o meu imaxinario estaba totalmente colonizado polo patriarcado; os meus conceptos de parella, do amor, do que é ser unha muller. A min influíame ‘La Bella Durmiente‘, ao igual que ás rapazas de hoxe influiralles ‘50 sombras de Grey‘, pasando por ‘Madame Bovary‘ ou ‘La Regenta‘, que che dicían que todas as historias que valen a pena dunha muller son historias de relacións persoais e amorosas.

“a cultura fíxome buscar un ideal de home machista; o patriarcado tamén controla a través da seducción”

CLÁSICAS E MODERNAS

Toda esa cultura dominante idealiza que un home sexa poderoso, invulnerable, protector, e fíxome buscar un ideal de home que é totalmente machista. O patriarcado tamén domina a través da seducción, foi así no meu caso, esa idea seduciume, porque repito que somos vítimas e cómplices. Emocionalmente moldeáronme e deixeime moldear por ideas machistas, por iso fundei unha asociación, Clásicas y Modernas, por unha cultura que non reproduza e lexitime os valores patriarcais. Non se trata de ter uns valores abstractos de igualdade senón como son as relacións persoais igualitarias e como se conseguen.

VOLVER COMEZAR

Que é máis difícil para unha persoa que pasou pola súa situación, poñer punto e aparte ou volver comezar?

Emocionalmente é duro, pero eu non percibín o estigma da muller divorciada, diría que no meu segmento social non existe. Pero si hai unha serie de dificultades obxectivas. Cando deixas de traballar, como foi o meu caso, volver ao mundo laboral é complicado. Tampouco cotizaches…

O PAPEL DA CULTURA

É crítica co mundo da cultura. Pensaba que era máis progresista, que había máis igualdade nese campo.

Existe o mito de que a cultura é un terreo no que a desigualdade que impera en todas partes, por algún motivo, maxicamente escapa diso. Aí florecen os talentos individuais sen cortapisas (risas)… É rotundamente falso. Quen ten o Premio Cervantes? O 90% das películas españolas diríxenas homes; todos sabemos como constrúen as películas o noso imaxinario, de aí veñen os nosos desexos, os nosos soños, a nosa idea de sexualidade. A cultura mantivo e lexitimou a desigualdade patriarcal.

LITERATURA E MULLER

A autobiografía non é un xénero de prestixio, a non ser que veña de grandes personalidades; tampouco o son na literatura temas como a maternidade nin a experiencia como ama de casa.

Cando escribín este libro tiven que loitar contra dous prexuízos. Por un lado, o prexuízo de que a autobiografía é un xénero menor, só xustificado cando tes que expoñer feitos históricos. Unha persoa de a pé non debe escribir a súa autobiografía, hai un rexeitamento a iso.

“na nosa sociedade, considérase que o masculino, como a guerra, é universal; pero a maternidade está excluída da alta cultura”

Por outra banda, tiven que loitar contra o desprezo ás experiencias femininas, porque nunha sociedade patriarcal todo o feminino está desvalorizado. Considérase que o humano é o masculino, e o masculino é humano. A guerra considérase unha experiencia universal, como a viaxe, pero o parto é feminino, pouco interesante, de segunda fila. É autoaxuda.

A historia da literatura está protagonizada por experiencias de homes ou como moito experiencias compartidas entre homes e mulleres, como o adulterio ou o amor. Pero a maternidade ou a vida na casa, que son vivencias universais, estiveron excluídas da alta cultura. Eu aspiro a que se recoñeza como alta cultura, outra cousa é que o conseguise.

Para min, Agnie Ernaux, gañadora do premio Formentor no 2019, fíxoo contando o seu aborto, por exemplo. Pero son excepcións no mundo da literatura. O importante é que iso permaneza, que esas autoras se estuden nos libros de texto e aparezan nas antoloxías de clásicos.

OS ROLES ASIGNADOS, “PREXUDICIAIS TAMÉN PARA OS HOMES”

Imaxino que a vostede lle gustaría, durante a experiencia vivida, ter algún referente dalguén que pasase por algo similar. É tamén a intención do seu libro?

Si, porque moitas mulleres poden estar nese confinamento, pero tamén é importante para os homes. As mulleres podemos ler ‘Moby Dick‘ sen pensar que é unha historia de homes, vemos en seguida que é algo universal, humano, co que nos podemos identificar malia non pasar por iso. Pero sería desexable que os homes tamén poidesen ler a mulleres sen facer a discriminación de pensar que non ten nada que ver con eles. Tamén para entender que teñen que ver neles coa desigualdade, que é un problema de mulleres e de homes. Os roles asignados son prexudiciais tamén para eles, fan desperdiciar a vida.

Á hora de escribir sobre unha mesma, é complicado atopar o ton?

Si. Eu sabía desde o principio de que quería falar, pero atopar o ton xusto, apaixonado pero reflexivo, cun punto de humor pero sen frivolizar, custoume moito e tiven que reescribir moito. Hai quen alaba a espontaneidade do tono do libro, e eu digo que a espontaneidade veu de rescribilo varias veces (risas).

FEMINISMO E AUXE DA ULTRADEREITA

O feminismo conseguiu poñer a discriminación á muller polo mero feito de ser muller no centro do debate. Como ve a situación actual?

O feminismo progresou moito. Existe desde polo menos hai tres séculos, e nunca lle estaremos o bastante agradecidas ás nosas antecesoras. Son feminista por gratitude, porque se non fose polas sufraxistas ou por Mary Wallstonecraft eu non podería viaxar sen permiso, votar, estudar… Ademais, ultimamente quitamos á luz outras discriminacións das que non se falaba como a violencia sexual. Pero queda moito por percorrer, porque a desigualdade é moi fonda e está ancorada nas mentalidades e nos pensamentos.

“malia o auxe da extrema dereita, o feminismo progresa. era máis preocupante a situación das mulleres hai décadas, cando saímos do franquismo e parecía que estaba todo feito”

O 10-N hai eleccións xerais, cun partido de extrema dereita, como Vox, que cun discurso negador da violencia machista, entre outros aspectos, pode incrementar significativamente o seu número de representantes. Como ve os comicios?

Preocúpame moito o avance da extrema dereita, que entre outras cousas é un intento de contrarrevolución machista. Pero sempre soubemos que a igualdade tropeza con moitos obstáculos. Terannos en fronte. Era máis preocupante o que pasaba hai vinte anos, que non se falaba de feminismo e parecía que todo estaba conseguido cando non era verdade.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...