Un paciente cunha doenza dexenerativa denuncia oito meses de agarda para fisioterapia

O doente, derivado a un centro concertado, asegura que preguntou na clínica e contestáronlle que "non recibiran tal petición"

O paciente, coa súa reclamación. AXM

Un usuario do Hospital da Costa denuncia a través da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña que agarda desde hai oito meses para recibir fisioterapia por unha enfermidade dexenerativa e invalidante.

ENFERMIDADE INVALIDANTE

O doente padece unha espondiloartrose lumbar, enfermidade dexenerativa e invalidante que afecta aos discos e ás vértebras e que produce dor e rixidez. Segundo asegura a plataforma, a doenza pode desencadear espolóns que pincen raíces nerviosas ou hernias de disco. Por iso “é chave a instauración precoz dun tratamento rehabilitador, orientado á eliminación da dor e á melloría da mobilidade”, resalta o colectivo.

“A DOENZA AFECTA AOS DISCOS E ÁS VÉRTEBRAS E POR ISO É CHAVE UNHA REHABILITACIÓN PRECOZ”, SINALA A PLATAFORMA

A facultativa rehabilitadora do Hospital da Costa prescribiu ao paciente unha cita para clínica concertada o 26 de outubro do 2017, sen que fora chamado ata o de agora. O doente achegouse polo centro para preguntar canto tempo tería que agardar e “contestaron que non recibiran tal petición”. Daquela, a través da plataforma sanitaria mariñá, cursou unha reclamación con data de 20 de xuño do 2018 e número de rexistro 2518.

“PRECÍSANSE OITO FISIOTERAPEUTAS”

A plataforma critica a “inexcusable falta de previsión” do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que cre que é “froito dunha estratexia en aras da privatización”. O colectivo cre que a solución “ao gran problema da rehabilitación e fisioterapia” pasa pola “contratación de oito profesionais que “permitirían abrir en quendas de tarde os ximnasios de Atención Primaria que están habilitados polas mañás”.

A plataforma denuncia que falta persoal en Mondoñedo, “onde os pacientes desa zona vense obrigados a desprazarse cara Foz”, e reclama “que se habilite un espazo no centro de saúde de Burela e dotalo de material e profesionais para poder implantar o servizo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here