As mulleres da Mariña saen ás rúas no 8-M para lembrar que “os nosos dereitos non se confinan”

San Cibrao e Ribadeo acolleron manifestacións e houbo concentracións en Viveiro, Foz, Burela, O Valadouro ou Xove

Concentración en Viveiro. BNG VIVEIRO

A Mariña acolleu este luns varias protestas con motivo do 8-M, o Día Internacional da Muller, nunha xornada na que os actos reivindicativos se prolongaron durante mañá e tarde.

En Foz, a cita do colectivo Galegas 8-M foi na Avenida da Mariña, onde se lembrou que ‘Sen coidados non hai vida: esenciais, precarizadas e fartas‘, o lema desta xornada de folga. Decenas de mulleres asistiron á convocatoria, na que se gardou a distancia persoal e fíxose uso da máscara para evitar contaxios. Varias das participantes leron un manifesto.

En San Cibrao, no municipio de Cervo, decenas de mulleres camiñaron nunha manifestación desde da Praza da Casa da Cultura (Prazoleta) ata a zona do IES Marqués de Sargadelos, con volta ao mesmo punto de saída. O cor lila do movemento feminista dominou a marcha.

“Os dereitos das mulleres non se confinan, o debate ten que estar na desigualdade na que vivimos. Consideramos imprescindible a mobilización na rúa e que as reivindicacións do feminismo sexan desde xa prioritarias á hora de afrontar a actual realidade social, e esixir tamén que a vida se coloque no centro”, expón o colectivo Galegas 8-M.
En Ribadeo houbou manifestación, que partiu do aparcadoiro próximo ao IES Dionisio Gamallo, e atravesando Avenida de Galicia e Avenida de Asturias chegou ao consistorio, onde se deu lectura a un manifesto. Barreiros, O Valadouro, Viveiro e Xove acolleron concentracións.

OS CONCELLOS PROGRAMAN ACTOS DE HOMENAXE

Os Concellos da Mariña conmemoraron a efeméride con distintos actos. Mondoñedo ou Trabada, entre outros municipios, acolleron concentracións. En Barreiros asinouse unha declaración institucional.

Homenaxe en Cervo ás mulleres que fixeron máscaras no confinamento. AXM

O goberno local de Viveiro programou unha actuación nas redes sociais da actriz mariñá Estíbaliz Veiga. O Concello de Cervo homenaxeou ás mulleres que elaboraron máscaras desinteresadamente durante o estado de alarma.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here