Eleccións municipais: Suárez Barcia e Villares presentan os seus programas

Por Viveiro propón humanizar a Travesía da Mariña e Foz Plataforma de Futuro insta aos demais partidos a especificar que ubicación queren para a depuradora

Praza de Abastos de Ribadeo. AXM

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribadeo, cuxa lista encabeza o alcalde, Fernando Suárez Barcia, presentou o programa co que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais. Entre as propostas do partido frontista está a reforma das instalacións da Praza de Abastos, especialmente na parte superior, inutilizada, a fin de potenciar o comercio de proximidade.

Os nacionalistas ribadenses tamén propoñen a reforma do vello pavillón para, “en primeiro lugar, corrixir os problemas de goteiras, pero tamén para adaptalo ás novas modalidades deportivas”. No recinto, segundo o compromiso do BNG de Ribadeo, “contemplamos, se a lexislación o permite, aumentar unha planta na zona de vestiarios para dar cobertura a todos os clubs”.

PP DE CERVO

Outro alcalde e aspirante a revalidar o goberno, o cervense Alfonso Villares (Partido Popular), tamén deu a coñecer o programa electoral.

A creación dunha vía alternativa de entrada e saída de Cervo, o aumento do complexo deportivo da Veiga, a posta en valor do castro da Atalaia, o remate da senda peonil entre Cervo e Sargadelos, a creación doutro trazado que conecte Sargadelos con San Cibrao ou a promoción de vivenda pública que favoreza o asentamento da poboación son as principais propostas do partido conservador.

A posta en marcha dun centro de atención especializada no tocante aos servizos sociais e á creación de emprego outra das iniciativas incluídas no programa electoral.

POR VIVEIRO

Por Viveiro anunciou este sábado que apostará pola humanización da Travesía da Mariña, entre a Praza de Lugo e a Porta de Carlos V.

Integrantes de Por Viveiro, na Travesía da Mariña. AXM

A aposta, explican desde o partido independente, “enlaza co estilo da obra realizada na Avenida de Cervantes, que prioriza o uso peatonal fronte aos vehículos, pero compartindo circulación, e neste caso polas necesidades do propio casco histórico, mantendo aparcamentos e creando zonas de aparcamento rápido, coma en outras cidades”.

A recuperación das árbores e vexetación nos Xardíns Noriega Varela “para convertelos nun verdadeiro xardín na zona centro” é outra das propostas de Por Viveiro, segundo expón o candidato, Bernardo Fraga.

FOZ PLATAFORMA DE FUTURO

Foz Plataforma de Futuro (FPF) insta aos demais partidos que concorren aos comicios locais a que especifiquen que ubicación propoñen para a depuradora. O partido independente asegura que no 2015 tomou a decisión de desbloquear o proxecto proposto polo Concello para situala fóra do casco urbán, “apostando por isto en consenso con diversas asociacións”.

O candidato de FPF, Luis Alfonso Sixto, reitera a súa aposta e advirte de que hai “dez millóns de euros de fondos europeos en risco de perderse se non se executa a obra nos vindeiros anos”.

PSOE DE CERVO

O candidato do PSOE á alcaldía de Cervo, Francisco Mon, subliñou nun mitin celebrado na pousada O Almacén que a veciñanza do municipio “necesita acabar con máis de dez anos de apatía, bloqueo e improvisación do PP. Farémolo”, asegurou, “con medidas para loitar contra o despoboamento, para ampliar a industria e non depender de Alcoa, para ofrecerlles aos cervenses mellores servizos e infraestruturas“.

Mitin do PSOE en Cervo. AXM

O presidente da Deputación, o tamén socialista Darío Campos, participou nun acto no que os socialistas reivindicaron o investimento do goberno provincial no municipio, cifrado en 1,5 millóns. “Permitiron xerar 24 empregos, dar atención profesional a máis de 40 maiores ou rehabilitar a escola unitaria”, subliñou.

PP DE BARREIROS

José Manuel Gómez Puente, Lorenzo Penabad Bolaño, Álvaro Daniel Navia Ferreira, María del Mar Sante García, Adrián Blanco Pérez, Lorena Fernández Redondo, Juan Carlos Díaz Varela, José Manuel Álvarez García, Sonia Piñeiro Rúas, María Teresa Maradona Bermúdez e Nuria López Morado, José Otero Méndez e Concepción Fernández Iglesias (suplentes), acompañarán a Alfonso Fuente Parga, actual rexedor, na candidatura do PP de Barreiros.

Acto do PP barreirense. AXM

Manteremos os servizos que vimos prestando, realizaremos os investimentos necesarios para mellorar a calidade de vida e re recuperaremos a imaxe danada polo bipartito“, indicou Fuente Parga.

BNG DE CERVO

O candidato do BNG de Cervo, Diego Fernández, presentou a través dun vídeo en redes sociais as súas propostas para deter o despoboamento e crear emprego.

PP DE VIVEIRO

O candidato do PP de Viveiro, Óscar Rodríguez, expuxo as iniciativas do programa do partido conservador para os veciños do rural: a chegada da internet de alta velocidade é unha delas, así como “o mantemento das pistas, o saneamento, alcantarillado e abastecemento nas parroquias”.

COMPROMISO POR GALICIA RIBADEO

A negociación coa Xunta de Galicia para a recuperación do Grumir ou GES ou a creación dun museo ribadense son algunhas das propostas do alcaldable de Compromiso por Galicia (CxG) Ribadeo, Jesús Pérez Moreda, Suso Vilalba.

BNG DE VIVEIRO

Fomentar a búsqueda de solucións dialogadas (mesas redondas, campañas de
concienciación) entre os sectores afectados por fenómenos como o botellón, a realización de campañas de prevención contra as enfermidades de transmisión sexual, a bulima ou a anorexia, así como a promoción de vivenda pública para menores de 30 anos, ou o impulso de liñas como o Noitebús son algúns dos puntos do programa do BNG de Viveiro -cuxa lista lidera Miriam Bermúdez– respecto da mocidade.

PP DE RIBADEO

O PP de Ribadeo, cunha candidatura que encabeza Daniel Vega, aspira a habilitar un párking de dúas plantas no aparcamento municipal, que suporía triplicar o número de prazas e aliviar un dos principais problemas de tráfico na vila ribadense. As actuacións, sinala o alcaldable, sería “en dúas fases, a curto e medio prazo; en primeiro lugar construiríase un subterráneo, e logo unha altura”.

PSOE DO VICEDO

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía do Vicedo, Vicente Parapar, mostrou a súa predisposición a traballar da man do alcaldable socialista en Mañón, José Carlos Vilameá, para a recuperación da ría do Barqueiro e a mellora das comunicacións na zona.

Acto dos socialistas do Vicedo e Mañón. AXM

A finalización da Vía de Altas Prestacións (VAP) Costa Norte e a mellora do servizo no Feve son dous dos obxectivos expostos polos candidatos socialistas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here