InicioEconomíaObreiras piden á UXT que retire as demandas contra Sargadelos

Obreiras piden á UXT que retire as demandas contra Sargadelos

As empregadas din "non sentirse representadas" polo sindicato, que insiste en que "máis da metade do persoal" da fábrica de Cervo "non percibe" unha das tres pagas extras

Publicada o

- Advertisement -

Un grupo de traballadoras de Sargadelos, que asegura constituír “unha amplísima maioría” do cadro de persoal, emitiu este venres un comunicado no que pide á Unión Xeral de Traballadores (UXT) que retire as demandas interpostas contra o grupo empresarial tras estalar, o pasado 17 de agosto, un conflito laboral derivado do enfrontamento entre o máximo accionista, Segismundo García, e a daquela delegada do sindicato, Rogelia Mariña.

Tras sinalar a Mariña pola súa “presión sindical”, García cesou a 21 obreiras -alomenos oito foron readmitidas- entre o 17 de agosto e o 13 de setembro, un día antes de que a asemblea de persoal destituíse á ata entón representante da UXT.

CONFLITO COLECTIVO

As empregadas de Sargadelos lamentan “enterarse pola prensa” de que a demanda de conflito colectivo interposta pola central socialista, ao entender que se está a incumprir o convenio laboral en relación con 49 obreiras que entraron nos últimos dous anos á fábrica de Cervo, ao non aboárselles unha das tres pagas extraordinarias, foi admitida a trámite polo Xulgado do Social número 1 de Lugo.

As obreiras resaltan que se ven por segunda vez “na obriga” de pedirlle ao sindicato “que non acometan contra Sargadelos en defensa nosa”, cunha demanda “que se fartaron de dicir que non fora presentada”. Así, as traballadoras resaltan que trala destitución de Mariña, “vostedes hoxe en día non nos representan nesta empresa”.

As obreiras aseguran no comunicado que “somos conscientes do contrato que asinamos”, polo que instan ao sindicato a que “deixe de pedir por nós cousa que nunca pedimos”.

O grupo de traballadoras de Sargadelos que emitiu o comunicado aféalle á UXT “que non fagan as cousas ao seu libre albedrío” e que “consulten” ao persoal antes de emprender accións legais contra a firma. Así, conclúen o texto cunha petición á central socialista de que “cesen” o que cualifican como un “capricho persoal” contra a empresa, “porque van acabar cos nosos postos de traballo”.

RESPOSTA DA CENTRAL

Fontes da UXT, pola súa banda, lembran que a demanda por conflito colectivo -coa que, segundo a versión de García, Mariña o ameazou e foi o detonante dos despedimentos- foi interposta só despois de que o conselleiro delegado anunciase e executase despedimentos, unha actividade que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considerou como constitutiva de vulneración da liberdade sindical.

As mesmas fontes sinalan que a situación das 49 traballadoras que non perciben a paga extra de marzo, “máis da metade do persoal”, é “inxusta” e que “queremos que cobren o que lles corresponde, que é o mesmo que o que reciben as súas compañeiras”. Tamén resaltan que a caixa das pensións “vén das cotizacións”.

VARIOS PLEITOS ABERTOS

A UXT impugnou a asemblea a que foi destituída Mariña, ao entender que as traballadoras foron coaccionadas nun contexto de despedimentos e de ameazas de peche da empresa, e tamén interpuxo demandas para que se considerasen nulos os cesamentos de catro traballadoras.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...