Xacio Baño: “quédanme moitas historias por contar de Xove”

O cineasta dará inicio as festas patronais de San Bartolo coa lectura do pregón este xoves no salón de actos do centro cívico ás 20.00 horas

Xacio Baño. REBORDELOS

Xacio Baño (Xove, 1983) dará inicio as festas patronais de Xove coa lectura do pregón (Salón de Actos do Centro Cívico, 20:00 horas).

O cineasta exerce de pregoeiro na que considera “a casa”. Aínda que por motivos laborais a súa familia deixou Xove cando tiña pouco máis de dous anos e acabou asentándose no Barco de Valdeorras, o realizador mantén unha estreita relación co concello mariñao.

“Viñamos cada dúas semanas, recordo os viaxes pola N-VI, por Sarria. O fío segue a ser moi directo. En Xove viven meus avós, e toda a miña familia. Para min volver á casa e vir aquí”, explica.

P. O de ser pregoeiro é novo para ti?

A verdade é que si, nunca o fun en ningún lado. Así que será unha experiencia nova que agardo desfrutar. Non quero facer un discurso académico, formal, senon falar de ti a ti á veciñanza, contarlles como son eu e como vexo Xove, como me sinto con respecto a Xove.

SOBRE A IMPORTANCIA DE SABER CONTAR

P. Haberá moitos recordos?

O pasado é o que máis me interesa cando fago películas pero, á hora de falar, cóstame facelo do pretérito. Gústame máis falar do presente e do futuro. Pero si, falarei dos recordos, de como medrei con Xove, como sentín os cambios dentro de Xove. E tamén sobre a importancia de saber contar contos.

Somos unha sociedade (a galega), sobre todo as mulleres, que conta moi ben os contos, que ten esa tradición de contar e de crear ese discurso esa historia colectiva que é un pobo sempre. E vou falar diso, da importancia de ter xente que nos conte, con libros, con películas, ou de forma oral, que é algo que se está perdendo e que é importante que se siga mantendo.

P. Contáronche moitos contos en Xove?

A min contáronme contos, si. De feito, desfruto dos bos e boas contadoras de contos máis que de nada neste mundo. Dos que saben contar, dos que crean case automaticamente, de cabeza, unha estrutura de inicio, nó e desenlace, desas que te van atraendo.

P. Iso adoitan facelo ben os avós e as avoas. Os teus son de contar?

A miña avoa materna, Pepa, é moito de contar, e faino moi ben. Párase, vive as historias, imita, pon voces. Ten esas habilidades dos bos contacontos. De cativo, contábame contos para que comera.

É unha muller que aínda ten moito que contar. Gústame moito a súa figura porque é a figura da muller campesiña, que nunca se creu nada, que ten todo o potencial do mundo para facer mil cousas, pero que a vida foi colocando nun papel secundario.  E a min gústame moito darlle visibilidade ao que ela é, a como interpreta o mundo. É unha persoa moi instintiva, moi carnal, está contigo e está de verdade, nunca está sobrevoando a xente, está sempre no presente.

P. Que che gusta das festas de Xove?

Son fan das sardiñas asadas, nunca deixo pasar a sardiñada. Tamén das comidas na casa da miña avoa paterna, con todos os primos. Cando todos tiñamos tres meses de vacacións, reuniamonos alí, comiamos xuntos, e moitas veces rematabamos cantando coas guitarras.

As festas xeneran unha enerxía moi especial nos pobos. Xuntan ás familias e convértense nun momento moi propicio para falar de temas dos que non se fala no dia a día, do que pasou ou do que vai vir. Convértense nun momento para reflexionar, para rirse e afrontar un ano máis. Temos un calendario común, de xaneiro a decembro, e outro que marcan as festas patronais, que nos reúnen de ano en ano.

XOVE, NA FILMOGRAFÍA

P. As comisións elixen como pregoeiro ou pregoeira persoas que son estandartes, embaixadores deses lugares. Sénteste embaixador de Xove?

Non me gustan nada os estandartes pero eu son de onde son, para ben e para mal; e son de Xove, para ben e para mal. A miña produtora chámase Rebordelos, un monte do meu avó. A miña primeira película está poboada de personaxes de Xove, inspirados en persoas coas que ao mellor nunca falei pero que están por alí.

Hai algo moi particular en Xove que me resulta atractivo e que, dalgún xeito, tamén me define como persoa. É un lugar que está na Mariña, pero xusto o pobo non está na costa. Estamos entre dous nucleos máis grandes como son Viveiro e Burela. E quizais iso nos fai remarcar aínda máis que somos de Xove. Temos esa necesidade de contar os noso contos para saber que somos.

“AUGAS ABISAIS”

P. Xa me contabas que Xove está moi presente na túa filmografía.

Si, nas personaxes de moitas películas. Hai unha peza cos meus avós, feita en Xove, que funcionou moi ben por todo o mundo. ‘Ser e voltar‘.

A última curta, que gravamos no verán, tamén xurdiu de bucear nos recordos e na memoria familiar. ‘Augas Abisais‘. Baséase na historia dun familiar que con 17 anos foi obrigado a ir combater á Guerra Civil, a Teruel.

Mandou desde alí cinco cartas a partir das que creamos o conto que queremos contar. É unha peza na que hai moitas historias, porque fala da Guerra Civil, da memoria colectiva, pero tamén da privada, dese soldado, e da familiar.

P. Cando poderemos vela?

Estamos rematando a montaxe, e logo virá todo o proceso de postprodución: músicas, son, cor. A idea é estreala a comezos do ano que vén. É unha peza da que estou bastante orgulloso, creo que vai gustar e que vai viaxar.

P. Quédanche historias por contar de Xove?

Seguro, da baleeira de Morás, de lugares que me espertan moitos recordos e moitas sensacións internas. A miña mellor película sobre Xove aínda está por chegar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here