A Xunta financia con 130.000 euros Lugar das Marías, a pensión temática que homenaxea ás mulleres galegas

Os fondos destináronse á rehabilitación desta antiga casa patrucial de Xove, que aposta por un "turismo slow" con habitacións dedicadas a Maruja Mallo ou María Casares

Visita a Lugar das Marías. AXM

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e do presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda, Vidal Martínez-Sierra, visitaron esta mañá a pensión rural Lugar das Marías, que foi beneficiaria dunha axuda da medida Leader por importe de 120.900 euros na convocatoria de 2019.

Estes fondos destináronse á rehabilitación da antiga casa patrucial familiar e á súa adaptación para o novo uso como pensión rural de tres estrelas. O inmoble conta con catro habitacións dobres e un estudo con cociña para tres persoas dentro da súa oferta de aloxamento.

O establecemento está dedicado “ás Marías”, á muller galega. De feito, as habitacións temáticas levan o nome de mulleres ilustres: a pintora Maruja Mallo, a actriz María Casares, a activista María Miramontes é ás Marías da Alameda de Santiago de Compostela, Maruxa e Coralia. Finalmente o estudo honra a Presenta, a avoa da actual propietaria.

A promotora contou tamén co apoio do programa Emega, da Secretaría Xeral da Igualdade, cunha achega de 8.000 euros adicionais con cargo á liña Emprende, que apoia a nova incorporación ao mercado laboral por conta propia, como xerente deste establecemento turístico temático.

Interior da pensión. AXM

PROXECTO “INNOVADOR”

O delegado territorial da Xunta puxo en valor “a innovación” presente neste proxecto de aloxamento temático, así como a súa preocupación polas novas tendencias de consumo, xa que ofrece unha experiencia de turismo slow e de natureza, pois o pensión dista poucos metros da ruta de sendeirismo dos Muíños, que transcorre pola ribeira do río Rigueira.

A iniciativa, destaca Balseiro, tamén introduce “novos servizos moi demandados polos consumidores máis esixentes, como o respecto do medio ambiente (con uso de equipos como a caldeira de biomasa, dispositivos de control de consumo enerxético e da auga) e a aposta por alternativas sostibles, para procurar dar un valor engadido ao seu produto e mellorar así, a súa competitividade”.

NOVA CONVOCATORIA

Ata o 31 de xaneiro, os insteresados nas axudas da medida Leader poden presentar os proxectos aos Grupos de Desenvolvemento Rural correspondentes. Os GDR son os encargados de xestionar estas subvencións, que nesta convocatoria contan cun orzamento superior aos 6,6 millóns de euros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here