IniciosociedadeO Teatro Pastor Díaz sopra cen velas como epicentro cultural de Viveiro

O Teatro Pastor Díaz sopra cen velas como epicentro cultural de Viveiro

Un acto conmemorativo e unha exposición serviron para celebrar o centenario do inmoble

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro organizou onte pola noite un emotivo acto conmemorativo do centenario do teatro Pastor Díaz, no que tamén se inaugurou unha exposición sobre a historia do emblemático edificio.

O acto comezou da man do historiador Suso Martínez, no papel de Nicomedes Pastor Díaz, que deu paso á concelleira de Cultura, Lara Fernández, e o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, que repasou os principais fitos históricos do teatro.

“Como Concello que aposta pola cultura como prioridade educativa e de ocio, seguiremos a traballar para que o Teatro Pastor Díaz manteña unha variada programación anual para todas as idades de teatro, música ou baile, a gran maioría en galego e con forte presenza de grupos locais”, manifestou a alcaldesa, a socialista María Loureiro.

En palabras da alcaldesa de Viveiro, “cando un concello ten a sorte de ter un lugar como o Teatro Pastor Díaz está na obriga de darlle contido, coa satisfacción de que eses contidos serven non só para momentos de ocio, senón tamén para transmitir ás novas xeracións a importancia de asomarse á fiestra da creación, da arte, da cultura, en definitiva, da reflexión e da propia vida”.

No acto de onte houbo tamén moita música, da man de gaiteiro David Bellas, de Bágoas da Terra e da Coral Alborada. A noite pechouse cunha sorpresa, xa que Bellas, algunhas voces de Alborada e Suso Martinez, cunha tarta coa vela número 100, cantáronlle coa axuda do público o “cumpreanos feliz” ao teatro.

A mostra estará ubicada durante os próximos meses no hall, onde tamén se instalou onte unha placa conmemorativa feita por Alfonso Otero Regal. Nos próximos meses haberá outras actividades para completar o centenario oficial.

HISTORIA

Construído entre 1918 e 1919 a iniciativa particular de Nemesio Barreiro Casal, o teatro pasou por varios propietarios ata que foi adquirido polo concello en decembro do 1988. Estivo pechado oito anos ata a súa rehabilitación, cun custo de 200 millóns de pesetas. Foi reinaugurado no ano 2001.

Trala súa rehabilitación, o teatro reincorporouse á vida social de Viveiro, de xeito que é onde se realizan a maioría das actividades culturais do Concello e tamén as organizadas polo seu tecido asociativo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...