Axudicada a redacción do proxecto para habilitar carrís de adiantamento na vía Viveiro-Cabreiros

A empresa Ingeniería del Noroeste S. L. contará cun ano de prazo para redactar o plan, que incluirá a rectificación de curvas e medidas de seguridade fronte ao cruzamento de animais

Alto da Gañidoira. GOOGLE MAPS

A Xunta de Galicia anunciou este xoves a adxudicación do contrato para a redacción do proxecto de mellora da capacidade e seguridade da estrada Viveiro-Cabreiros (LU-540), que contempla a rectificación de curvas e habilitar carrís de adiantamento. O investimento ascenderá a 185.000 euros, tras unha licitación inicial en 243.000.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, adxudicou o contrato á empresa Ingeniería del Noroeste S. L., que contará con 12 meses de prazo para redactar o proxecto.

O proxecto, segundo expuxo o Goberno galego a través dun comunicado de prensa, “ten como principal obxectivo o acondicionamento do tramo desta vía comprendido entre os puntos quilométricos 5 e 39+500 para acadar o incremento da seguridade viaria. O orzamento inicialmente estimado das obras é de 2,6 millóns de euros“, sinala.

Para isto, serán necesarias accións dirixidas á rectificación de curvas, de xeito que todo o trazado se corresponda cunha velocidade de proxecto superior a 80 quilómetros por hora (km/h). A intervención tamén deberá incluír as actuacións necesarias para a implantación de novos tramos de carrís de adiantamento, en treitos con pendente superior ao 3%, así como para mellorar a seguridade fronte aos cruzamentos de animais, que ao longo dos últimos anos provocaron varios accidentes.

O acondicionamento, dun xeito máis concreto, contemplará a mellora e redeseño de interseccións, o encaixe de carrís lentos, correccións de trazado, ordenación de xiros á esquerda ou a revisión da sinalización horizontal e vertical, entre outras medidas a adoptar.

Este treito, resalta o Executivo autonómico, é a principal alternativa empregada para desprazarse desde A Mariña Lucense a Ferrol ou Lugo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here