Un usuario da vivenda comunitaria de Ribadeo, de 83 anos, primeiro falecido na Mariña por coronavirus

O ancián chegara ao hospital a semana pasada con síntomas de bronquiolite e tiña patoloxías previas; outra usuaria de Mirador del Eo con Covid-19 positivo fica ingresada en Burela

Entrada de Urxencias do Hospital da Costa. AXM

Un home de 83 anos que permanecía ingresado no Hospital Público da Mariña faleceu a pasada noite por mor do coronavirus. Fontes da Consellería de Sanidade confirmaron o pasamento desta persoa, que tiña patoloxías previas.

Trátase da primeira vítima mortal da pandemia no centro hospitalario de Burela, e da terceira rexistrada na provincia, logo de falecementos en Monforte e Lugo. Deste xeito, o número de mortes na comunidade galega aumenta a 21 casos.

Segundo confirmou a empresa de pisos tutelados, o falecido era un usuario da vivenda comunitaria Mirador del Eo en Ribadeo. Trátase dun veciño natural do municipio que regresara no pasado Nadal despois de pasar a maior parte da súa vida en Asturias, e recentemente en Avilés, de onde era a súa muller.

O ancián ingresou no centro hospitalario de Burela a mediados da semana pasada con síntomas de bronquiolite, unha patoloxía da que era recorrente.

Unha muller, tamén usuaria da vivenda comunitaria de Ribadeo, permanece ingresada con Covid-19 positivo no Hospital da Mariña, en principio estable. Esta persoa ingresou a medidados de mes no centro hospitalario de Burela, segundo a dirección de Mirador del Eo, cun edema nunha perna.

A dirección de Mirador del Eo asegura que ningún dos outros 14 usuarios da vivenda comunitaria presenta síntomas, aínda que concreta que ao longo do día faraselles a proba a estas persoas. Sostén que se están a tomar todas as medidas de precaución requeridas, e que así se fixo desde incluso antes de que se decretase o estado de alarma, dado que previamente á medida adoptada polo Goberno central, firma, instouse ás familias a non realizar visitas ao seren os maiores un colectivo de alto risco de contaxiarse do coronavirus.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here