Soben a 35 os positivos no brote da Mariña, con dous ingresados

Realizáronse máis de 500 probas PCR e máis de 400 persoas permanecen en seguimento domiciliario malia seren negativos


A Consellería de Sanidade confirmou que segundo as probas realizadas ata esta mañá confírmanse outros dous casos positivos de persoas afectadas por coronavirus no brote da Mariña Lucense, o que eleva a 35 o número total de casos detectados.

O primeiro caso de infección por Covid-19 detectouse na tarde do martes 23 de xuño, nun núcleo familiar do concello de Xove. Posteriormente documentáronse focos de contaxio en Burela e Foz, principalmente, aínda que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) concreta que os 35 contaxios teñen relación. Realizáronse “máis de 500 PCR“, segundo a Consellería de Sanidade.

Dos 35 casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Ao varón residente en Burela ingresado días atrás por Covid-19, únese outra persoa hospitalizada no Hospital Público da Mariña. A evolución de ambas “é favorable”, segundo o Sergas.

As persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here