Alcoa di que a venda antes do domingo “non é realista” malia manter a súa posición de inicio

Aínda que non variou en tres semanas as súas propostas, a propietaria teima en culpar a Liberty House da falla de avances, suxerindo que non lle interesa Aluminio "sen o control de Alúmina"

Álvaro Dorado, en primeiro plano xunto a Feijóo durante a visita da ministra Maroto á planta. EFE/ELISEO TRIGO

A multinacional Alcoa emitiu este martes a través dun comunicado de prensa no que segue a sementar dúbidas sobre o proxecto industrial de GFG Alliance / Liberty House para a planta de aluminio de San Cibrao e semella descartar unha operación coa siderúrxica británica a falta duns días para rematar o prazo do proceso de compra-venda. A propietaria das instalacións teima en culpar á potencial compradora da falla de avances e asegura que “parece que (a investidora) non está interesada en adquirir a fábrica, a menos que tamén poida obter o control da refinería de alúmina“.

“Trascorridas case dúas semanas sen que Liberty House respondese, o venres enviou (á propietaria) unha proposta de términos e condicións (termsheet) que non mostra ningún movemento para avanzar no proceso de venda da planta de aluminio primario de San Cibrao”, expón Alcoa na nota, na que insiste na estratexia de comunicación das últimas semanas: culpar á potencial compradora dun hipotético fracaso nas conversas.

Trala celebración da mesa multilateral polo futuro da fábrica de Cervo, Alcoa indica que “segundo a súa última proposta de termsheet, parece que GFG Alliance non está interesada en adquirir a planta de aluminio, a menos que tamén poida obter o control da refinería de alúmina, asegurarse o fornezo de materia prima en termos pouco realistas e evitar comprometer os seus propios fondos para o futuro da planta de aluminio”, afirma no comunicado Álvaro Dorado, presidente de Alcoa España.

DÁ POR ESGOTADAS AS CONVERSAS

A falta dunha semana para que remate o prazo límite do proceso de compra-venda, a propietaria afirma que “non é realista pensar que se poida asinar un acordo de venda antes do 27 de setembro, conforme ao acordado entre a empresa e os representantes dos traballadores”. Dorado asegura así que “Alcoa negociou de boa fe durante todo o proceso e realizou varias concesións para chegar a un acordo conforme ao calendario proposto por GFG”.

Entre as “concesións” mencionadas por Alcoa estarían as seguintes: “acordar o traspaso da planta de aluminio por 1 euro; contribuír con 50 millóns de euros a un fondo destinado a apoiar o futuro da planta; pagar todos os custos necesarios para separar a planta de aluminio da refinería, estimados entre 40 e 60 millóns de dólares; proporcionar un contrato de fornezo de alúmina por 5 anos en condicións estándar de mercado”. Isto é, un posicionamento que Alcoa non moveu desde alomenos o 1 de setembro, malia ofertas novas tanto de Liberty House como do propio Goberno central, que se ofreceu para mediar no proceso.

“Pola contra, GFG demandou condicións fóra dos límites do acordo asinado co comité de empresa. O seu termsheet mantén a petición dun contrato de alúmina de 20 anos fóra das prácticas habituais do mercado, dereitos sobre unha venda futura da refinería e non está disposta a comprometer ningún financiamento para o futuro da planta”, sostén Alcoa. Os sindicatos aseguraron este martes que a compañía rexeitou unha proposta de acordo de subministro de materia prima por sete anos, a través do Goberno central.

CIFRA AS PERDAS EN 110 MILLÓNS EN DOUS ANOS E CARGA CONTRA O ESTADO POLA FALLA DUN MARCO ENERXÉTICO

Deste xeito, malia que se mantén na negativa a unha venda, sen variar as súas demandas desde hai semanas, Alcoa afirma que “a planta de aluminio de San Cibrao atópase nunha situación insostible, debido en gran parte á falta dun marco enerxético competitivo en España que persiste desde hai anos. A planta de aluminio incorreu en perdas de máis de 110 millóns de euros nos últimos dous anos e actualmente perde aproximadamente un millón de euros á semana“, salienta a multinacional.

“Dadas as demoras e as demandas non razoables de GFG Alliance, non é realista pensar que se poida asinar un acordo de venda antes do 27 de setembro, conforme ao acordado entre Alcoa e os representantes dos traballadores”, afirma Dorado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here