IniciosociedadeViveiro e Burela, entre os concellos nos que a Xunta pechará a...

Viveiro e Burela, entre os concellos nos que a Xunta pechará a hostalería e fará un confinamento perimetral

Desde o venres e polo prazo de alomenos un mes aplicaranse novas e máis duras restricións en 60 municipios, que inclúen límites de aforamento no comercio e a prohibición do deporte colectivo

Publicada o

- Advertisement -

Burela e Viveiro son dous dos 60 municipios -os das sete grandes cidades e outros 53- nos que a Xunta de Galicia aplicará desde as 15.00 horas do venres, e polo prazo revisable de alomenos un mes, novas e máis duras restricións para evitar contaxios de coronavirus. Entre as medidas adoptadas inclúese o peche de “toda actividade non esencial“, incluída a hostalería -agás o subministro de comida a domicilio- aínda que non do comercio local, que poderá abrir ao 50% da capacidade, restrixir a mobilidade -os habitantes destes concellos só poderán moverse para traballar, estudar, acudir a citas sanitarias ou coidar menores, maiores e dependentes-, limitacións de aforamento nas actividades culturais e a prohibición da práctica deportiva colectiva, permitíndose unicamente a individual.

Así o anunciou o presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, este mércores. Viveiro e Burela –ambos en alerta vermella pola incidencia da Covid-19, con máis de 21 positivos detectados nos últimos sete días– son os dous concellos da Mariña Lucense que se verán afectados, non así Cervo, cunha situación epidemiolóxica similar en atención ao mapa de incidencia diario do Executivo galego.

TAXAS ACUMULADAS A 14 DÍAS SUPERIORES AOS 200 CASOS POR 100.000 HABITANTES

Segundo o Goberno galego, os municipios afectados correspóndense coas áreas das grandes cidades e con aqueles concellos, máis pequenos, cunha taxa acumulada a 14 días superior a 200 casos por 100.000 habitantes. Podes consultar nesta ligazón o total de termos municipais aos que afectará a normativa.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará as medidas concretas nas próximas horas. Feijóo, que avanzou que manterá o horario do toque de queda -de 23.00 a 6.00 horas-, xustificou estas decisións para salvar a campaña de Nadal” e poder reabrir en decembro. Ademais, avanzou que se aprobarán axudas para o sector hostaleiro este xoves no Consello da Xunta. Segundo os últimos datos ofrecidos polo Goberno autonómico, en Galicia hai 9.642 casos activos de Covid-19 (266 máis ca onte, con 626 casos confirmados nas últimas 24 horas), e a comunidade rexistrou 951 falecementos desde o inicio da pandemia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...