Cento nove persoas identificadas en 14 controis en Viveiro durante a primeira fin de semana de peche

O goberno local concreta que foron propostas para sanción aquelas persoas "que non xustificaran ningún dos supostos" establecidos como excepcións no decreto da Xunta de Galicia

Policía Local de Viveiro. AXM

O Concello de Viveiro informpu de que, no transcurso da pasada fin de semana, a Policía Local realizou un total de 14 controis perimetrais nas vías de acceso ó municipio, co obxectivo de asegurar o cumprimento das medidas acordadas pola Xunta de Galicia no Decreto 179/2020, do 4 de novembro, como -entre outras- o peche da hostalería e o confinamento perimetral do municipio.

Durante os controis perimetrais resultaron identificadas 109 persoas, segundo concreta o executivo municipal, “sendo propostas para sanción aquelas que non xustificaran ningún dos supostos establecidos como excepcións no decreto da Administración autonómica”. No que respecta ós establecementos de hostalería e restauración, a Policía Local destaca que “se cumpriron coas obrigas, non sendo necesario advertir a ningún hostaleiro polo incumprimento das normas”.

Á marxe das actuacións de vixilancia das medidas do Covid-19, a Policía Local conseguiu localizar un vehículo que, tras ocasionar danos noutro coche estacionado, abandonara o lugar. Os axentes puideron comprobar que non contaba co seguro obrigatorio, polo que procederon a efectuar as correspondentes denuncias.

Ademais, abríronse dilixencias de prevención por un accidente de circulación ocurrido en torno ás 16.00 horas do sábado, nas inmediacións do lugar de Magazos, entre un ciclomotor e un turismo. No accidente, resultou ferido de carácter leve o condutor do ciclomotor, sen que precisase ingreso hospitalario.

SERVIZOS DE RECOLLIDA DE LIXO PARA FAMILIAS CONFINADAS E PARA CUBRIR NECESIDADES A AQUELES QUE VIVEN SÓS

Por outra banda, o goberno municipal lembra aos veciños e veciñas que o Concello de Viveiro dispón dun servizo, prestado por Protección Civil e seguindo un protocolo establecido, para axudar a aquelas familias afectadas pola Covid-19, “cando ningún dos seus membros pode saír á rúa, para poder depositar ás bolsas de lixo nos contenedores”.

Trátase dun servizo do que xa están facendo uso varias familias e que pode solicitarse chamando ao teléfono 982.57.09.09.

Por outra banda, lémbrase que dende o departamento de Servizos Sociais tamén se presta axuda a aqueles afectados que non dispoñan de familiares que os poidan axudar para cubrir as necesidades urxentes, como pode ser alimentación ou medicinas. O teléfono do Centro de Servizos Sociais é 982.55.04.21.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here