InicioEconomíaAlcoa e o Goberno fíxanse o 30 de abril para pechar un...

Alcoa e o Goberno fíxanse o 30 de abril para pechar un acordo de venda

A SEPI e a multinacional abordarán desde "esta semana" as negociacións "puras e duras" para un traspaso, que partirán "da base do 27 de setembro", expón o comité

Publicada o

- Advertisement -

Tanto o Goberno central, a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), como Alcoa teñen a “intención” de alcanzar un acordo de venda da planta de aluminio “antes do 30 de abril”. Así o confirmou o comité de empresa do complexo industrial de San Cibrao despois da reunión, na mañá deste luns, da mesa multilateral entre a compañía, as Administracións e os sindicatos. A propietaria das instalacións e mailo Executivo estatal abordarán “esta semana” en “reunións” as negociacións “puras e duras” para un traspaso, expuxeron os representantes dos traballadores, despois da entrega dunha term sheet que a SEPI “está valorando”.

A SEPARACIÓN DAS PLANTAS E O SUBMINISTRO DE ALÚMINA, PUNTOS CLAVE DAS NEGOCIACIÓNS

O comité expón que “Álvaro Dorado e o Goberno informáronnos que a intención de todos é pechar un acordo de venda antes do 30 de abril”, o que ve “moi positivo, temos que acadar que a fábrica se venda e que se dea continuidade ao 100% dos postos de traballo e da produción“.

As negociacións, concretou o presidente do organismo de representación dos traballadores, José Antonio Zan, explicou que van partir “da base do 27 de setembro”, día no que rematou a anterior tentativa dunha venda da planta de aluminio, frustrada por Alcoa dentro do contexto dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretendía aplicar e que finalmente foi declarado nulo pola Xustiza. “Había dous problemas daquela; por unha parte a separación de plantas e por outra o tempo de subministro de alúmina“, lembrou o sindicalista.

Alcoa rexeitou vender a refinería de alúmina de San Cibrao -participada ao 40% polo grupo australiano Westminster Acquisition-, de xeito que un acordo sobre o fornezo de materia prima será fundamental para pechar a venda.

LIBERTY HOUSE “MANTÉN O INTERESE”

“Vaise facer un seguimento; avisarásenos cando se chegue a un acordo de term sheet (condicións xerais de venda), igual que cando cheguen a un pacto de due diligence (para unha auditoría da planta), e despois pasen á espera do peche do acordo final”, indicou Zan.

O 27 de abril era a data fixada no acordo entre Alcoa e os sindicatos para a suspensión da folga indefinida que o persoal mantiña desde outubro, cando a multinacional rexeitara vender a planta de aluminio á SEPI e tamén á siderúrxica británica Liberty House. Con todo, Zan concreta que ese tope “pódese prorrogar con acordo das partes. Se todas as partes teñen interese en acabar a negociación antes dese día, como parece ser e nos dixeron, é moi positivo”, valorou, engadindo que a potencial compradora “segue interesada e será quen merque a fábrica unha vez a SEPI se faga co control”.

APOIO AOS COMPAÑEIROS DA CORUÑA “PERSEGUIDOS SINDICALMENTE”

Finalmente, o comité amosou o seu “apoio” e “solidaridade” aos “compañeiros perseguidos sindicalmente, especialmente aos catro despedidos na Coruña. Estaremos na Audiencia Provincial apoiándoos”, avanzou Zan.

A CIG PIDE A XUNTA E GOBERNO “NON PERDER O TEMPO” E “LEVAR A INICIATIVA”

A CIG emprazou o Goberno español e a Alcoa a “non seguir perdendo o tempo” e a axilizar os prazos para o proceso de venta da fábrica. Á central sindical preocúpalle que, “transcorrido máis de un mes, non se teña realizado outra xestión que o envío por parte da empresa dunha folla cunha proposta de termos para a operación, que a SEPI aínda ten que contestar”.

A central entende que os termos nos que negocie a venda teñen que estar “claros” e responder a unha “garantía de futuro” para a planta de aluminio, mais pide máis axilidade a todas as partes para avanzar nunha “solución definitiva” que permita a continuidade industrial e o mantemento de todos os postos de traballo, tanto na principal como nas empresas auxiliares, “rematando así coa incerteza permanente na que viven os traballadores”.

Neste senso, a CIG insta os Gobernos español e galego a “levar a iniciativa” en todo momento, “comprometendo a Alcoa en cada fase para garantir deste xeito que haxa acordo na operación de venda. Sería intolerábel que as negociacións fracasaran polos condicionantes impostos pola multinacional, tal e como aconteceu o pasado mes de setembro, e que Alcoa puidera aproveitar o transcurso destes meses para afianzar e xustificar o seu plan inicial de parada das cubas, despedimentos e peche da fábrica de aluminio”, rematou o sindicato.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...