O xuíz non ve delito nas gravacións a mulleres ouriñando na Maruxaina que foron colgadas en páxinas porno

O maxistrado sinala que as mozas estaban "nun lugar público no que podían ser vistas por calquera persoa"; Bumei recorrerá ao crer que se pode crear "un grave precedente"

Desembarco da Maruxaina na repleta praia do Torno. PENÍNSULA DE LA PAZ/FACEBOOK

O Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro dictou un auto no que decreta o sobresemento provisional da denuncia presentada pola Asociación Mujeres en Igualdad de Burela (Bumei) contra a difusión en páxinas web pornográficas de vídeos gravados a mulleres ouriñando durante a celebración da multitudinaria festa da Maruxaina, en San Cibrao.

Os feitos ocorreron en agosto de 2019, na esquina dunha rúa cercana a un dos centros neurálxicos da celebración, e estímase se poideron ver afectadas arredor de 80 mulleres. Nas pezas audiovisuais, gravadas desde distintos ángulos, podían observarse decenas de mozas ouriñando, recoñecibles ao ir coa vestimenta habitual da festa.

ESTÍMASE QUE RESULTARON AFECTADAS ARREDOR DE 80 MOZAS

O maxistrado, que basea a súa argumentación nunha sentenza do 2017 sobre unha denuncia motivada pola gravación dunha parella mantendo relacións sexuais nun caixeiro dunha sucursal bancaria, destaca que “nese caso o denunciante é gravado mantendo relacións sexuais e posteriormente esa gravación é enviada a terceiras persoas (…) pero dito acto ten lugar nun caixeiro dunha sucursal bancaria, que é un lugar de dominio público, en canto o seu acceso é aberto e a disposición do público e a visibilidade desde o interior da rúa resulta diáfana. Así pois foi o propio recorrente que denuncia a violación da súa intimidade quen a expuxo publicamente“, resolve o fallo.

Apoiándose neste precedente, o xuíz considera que “máis alá de cal fora a intencionalidade dos denunciados ao difundir as imaxes que gravaron, a súa acción non encaixa en ningunha das condutas típicas de constituír dito tipo penal por infrinxir un trato degradante ou un menoscabo para a integridade moral”.

O CÓDIGO PENAL DEIXA FÓRA DA PROTECCIÓN “A CAPTACIÓN DE IMAXES EN LUGARES PÚBLICOS”, ARGUMENTA

O maxistrado expón que no artigo 197 do Código Penal “quedaría fóra da protección penal a captación de imaxes en lugares públicos“, e afirma que as mulleres estaban a ouriñar “nun lugar público no que podían ser vistas por calquera persoa que por alí transitase, e é por iso que (as gravacións) non supoñen un ataque nin vulneración da intimidade”, dado que “o ámbito da intimidade confórmase por aqueles actos que se desenvolven en espazos reservados da persoa”. Deste xeito, non ve “suficientemente acreditada” a existencia dun delito.

Desde Bumei avanzan que recorrerán o auto, ao entender que se trata dunha gravación “planificada, con toda intención, que foi compartida en varias páxinas web pornográficas”, e que de non facelo sentarían “un grave precedente” ante posibles casos posteriores.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here