Viveiro quere concienciar da importancia da reciclaxe nas escolas

Participan o CEIP Landro, a EEI San Roque, o CEIP Plurilingüe de Covas, o CEIP de Celeiro, o CEIP Plurilingüe Santa Rita

Colectores de reciclaxe en centros escolares de Viveiro / Concello de Viveiro

O Concello de Viveiro está a realizar unha campaña de recollida selectiva nos centros educativos do municipio en colaboración con Ecoembes. Grazas a esta iniciativa, o goberno local pretende fomentar a reciclaxe entre o alumnado e sensibilizalo sobre a súa importancia.

En total, sete centros de ensinanza adheríronse a esta iniciativa sobre a recollida selectiva en Viveiro. Concretamente, participan o CEIP Landro, a EEI San Roque, o CEIP Plurilingüe de Covas, o CEIP de Celeiro, o CEIP Plurilingüe Santa Rita. A estes centros, súmanse tamén a aula UNED de Viveiro e o Conservatorio Profesional de Música.

“O coidado do medio ambiente debe ser unha prioridade para todos os concellos, por iso queremos fomentar a reciclaxe entre a mocidade de Viveiro, co obxectivo de educar a futuros adultos comprometidos”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

No marco desta campaña, entregáronse nos centros numerosos colectores que se colocarán no interior das instalacións educativas. Os contedores permiten separar dunha banda os envases lixeiros, que se depositan no colector amarelo; e doutra banda o papel e o cartón, cuxo destino é o colector azul.

A campaña continuará con iniciativas de formación, polo que o Concello de Viveiro xa ofreceu aos centros a realización de actividades de concienciación co alumnado. Deste modo, algúns centros decantáronse por solicitar material informativo mentres que outros pediron charlas, que serán nalgúns casos telemáticas e noutros presenciais. Está previsto que proximamente sexan impartidas as charlas e que se distribúa o material informativo entre os centros.

Esta iniciativa súmase á campaña “Únete ao Reto”, organizada por Ecoembes e a Consellería de Medio Ambiente entre febreiro e abril deste ano. Neste proxecto, o Concello de Viveiro foi escollido para participar co reto de mellorar a súa achega de envases lixeiros ao colector amarelo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here