O comité de Alcoa insta a alcanzar un “pacto de Estado” para abaratar o prezo da enerxía

Convocada para o 14 de xullo a mesa de seguimento do acordo polo que se pararon as cubas ata 2024 e na que participan Goberno central, Xunta, empresa e sindicatos. 

Zan, co documento de impugnación do ERE. EFE/EMILIO PÉREZ VÁZQUEZ

O comité de empresa da factoría de Alcoa-San Cibrao, en Cervo, invocou a necesidade de alcanzar un “pacto de Estado” para abaratar a enerxía, no cal terían cabida a industria e as eléctricas.

O presidente do comité, José Antonio Zan, constataba, á súa vez, que están pendentes dos parques eólicos na zona, coa que a planta vería diminuír o prezo da enerxía. É por iso que urxe ao Goberno central e á Xunta para que “informen desas reunións que van manter para saber en que posición está cada parque e como están as licitacións”.

Zan puxo de manifesto que agora practicamente non se precisa de estatuto para industrias electrointensivas, senón que máis ben liga a supervivencia da planta a que se “baixe o prezo da luz”. É por iso que reivindica un “pacto de Estado” no que estea presente tamén “a industria e as enerxéticas, para poder garantir o futuro dos traballadores”. “Porque, se seguimos así (coas subidas da luz), esa garantía non a imos a ter”, resolve o sindicalista de CC.OO.

En canto ao incremento dos combustibles e o encarecemento da enerxía, deixou claro que “o que máis” lles afecta é “o tema do gas, que está a ter un impacto moi forte na planta de alúmina”.

MESA DE SEGUIMENTO, O 14 DE XULLO

José Antonio Zan aproveitou para adiantar que o 14 de xullo se convocou a mesa de seguimento do acordo polo que se pararon as cubas ata 2024 e na que participan Goberno central, Xunta, empresa e sindicatos. “Nesa reunión esperamos que se nos comunique como está o tema de Endesa e Capital Energy sobre a licitación deses parques (eólicos)”, sinalou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here