A asemblea de persoal de Sargadelos destitúe á sindicalista da UXT

O sindicato asegura que impugnará a xuntanza, na que 45 das 61 operarias votaron pola revocación

Rogelia Mariña, á saída da asemblea. AXM

Con 45 votos a favor dun total de 61 escrutados, a asemblea de persoal de Sargadelos destituíu este venres á sindicalista da Unión Xeral de Traballadores (UXT), Rogelia Mariña.

Houbo 11 votos en contra da revocación e catro en blanco, ademais dun sufraxio nulo. Unha vez se comunique o resultado á Oficina Pública Estatal de Eleccións Sindicais, a seguinte persoa máis votada nas últimas eleccións -afiliada a Comisións Obreiras (CC OO)- ocupará o seu cargo, de xeito que CC OO será a única central con representación en Sargadelos, con tres delegadas.

“ORGULLOSA”

“Estou orgullosa de que me revocasen por suxerir que defendería ás traballadoras“, asegurou Mariña á saída da asemblea, en alusión ao motivo que esgrimiu o conselleiro delegado, Segismundo García, para anunciar 49 despedimentosdos que executou 23– e ameazar co peche da fábrica.

a traballadora afirma que está “orgullosa de que me revoquen por suxerir que defendería ás miñas compañeiras”

O máximo accionista de Sargadelos xustificou os cesamentos amparándose na suposta intención da delegada da UXT de impugnar os contratos das persoas que entraron a traballar na fábrica de Cervo durante o último ano e medio -49-, ao entender que vulneraban dereitos laborais. “En ningún momento interpuxen ningunha demanda nin ameacei á dirección“, afirmou Mariña.

A EMPRESA REINCORPORARÁ PERSOAL

A traballadora perderá así a especial protección da que gozaba como representante sindical. A animadversión expresa do conselleiro delegado cara ela fai pensar nun despido inminente, aínda que a dirección anunciou que parará os cesamentos e incluso que readmitirá ás operarias que están na rúa.

a dirección asegura que parará os despedimentos pero condiciona esta folla de ruta “ao que faga uxt”

O conselleiro delegado sinala que a asemblea “tivo un resultado positivo e demostra que a nosa postura non é caprichosa”, e condiciona a folla de ruta de incorporar persoal “ao que faga UXT, que debeu tomar nota da votación”.

REPRESENTANTES DA UXT, VETADOS

A UXT anunciou que impugnará a asemblea ao considerar que se incorreu en “irregularidades”, logo de que a firma vetase a entrada a dous representantes do sindicato. Ademais, a propia Mariña, que foi apartada pola dirección da empresa -que lle condeceu un permiso retribuído de forma unilateral- desde case desde o principio do conflito, denunciou que as convocantes da xuntanza non lle deixaron dirixirse á audiencia que ía votar por mantela ou cesala no cargo.

o sindicato considera que o voto das traballadoras está condicionado pola ameaza de peche do conselleiro delegado

Fontes da UXT consideran que o resultado da asemblea está condicionado pola ameaza de peche realizada polo máximo accionista de Sargadelos e tutelada pola empresa, un punto que negaron en varias ocasións o grupo de operarias que forzou a asemblea.

As mesmas fontes referíronse ademais á posibilidade de que García cese a Mariña. “Haberá quen pense que Rogelia ten agora menor protección, pero neste país non se pode botar a unha persoa por ser sindicalista, igual que non se pode poñer na rúa a ninguén por ser negro ou homosexual. Que ninguén o dubide”, conclúen.

CC OO: “O RESULTADO NON É ACEPTABLE”

A situación pode dar outro xiro máis se cabe coa posición de CC OO, sindicato maioritario na factoría. Víctor Ledo, responsable da Federación de Industria da central, considera que, “sen deslexitimar á asemblea de traballadoras de Sargadelos”, o resultado “non é eticamente aceptable, dada a maneira na que chegamos ata a reunión deste venres“.

cc oo podería favorecer un novo proceso electoral e renunciar á súa maioría sindical

Deste xeito queda por ver que fará CC OO. O sindicato podería favorecer un novo proceso electoral, para o que tería que convencer ás súas delegadas de que dimitisen.

VINDEIRA SEMANA

Descartada polo maxistrado unha intervención cautelar no conflito, co xuízo previsto para o 21 de outubro, semella que a dirección de Sargadelos rebaixará a tensión. Da súa actitude respecto a Mariña e da reincorporación de traballadores dependerán tamén os movementos da UXT, que ameazou con levar o conflito á Fiscalía. A central podería buscar achegamentos, aínda que o sindicato e a súa delegada dificilmente retirarán as demandas interpostas contra a empresa e contra o conselleiro delegado.

2 COMMENTS

  1. Eu como traballador sinto vergoña de esas e eses “compañeir@s” que achantan ante o patrón.

    A disfrutar do voso futuro na fábrica de Sargadelos, que a delegada xa sufriu bastante a incomprensión de vós, que como servos do amo que sodes, así vos irá.

  2. Os de afora, parten leña ! Desculpade por adiantado que meta o nariz nun asunto que descoñezo…

    Todo comenzou coa sinatura de créditos imposibles de pagar por Isaac Díaz Pardo

    O mesmo sucedeu cos cartos que chegaron voando á dirección do falecido Vieiros, e o mesmo que sucedeu cando alguén tirou de talonario para montar o Xornal de Galicia (un tal Jacinto Rey)

    Agora SARGADELOS nas mans dun “capitalista en horas baixas” pretende seguir tirando da marca grazas aos traballadores da factoría Do Castro en Sada…

    Donde están as familias que tanto piaron pola cultura galega vencellada as tendas de Sargadelos na Coruña e Vigo ? Seica tamén levaron os cartos para Andorra ???

    Canto cobra pola fábrica e a marca Sargadelos? Ninguén poría un euro para crear un SAL?
    Mariña non tería interés en mercar accións da empresa cos 30.000 euros de indemnización?

    Cando votan 45 traballadoras (contra 15) a cousa semella que está bastante CLARA !!!

    Ao mellor van poñer cartos enriba da mesa CC.OO – UXT – e o alcalde de CERVO ?

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here