Conde defende que a venda de Alcoa debería ser “inmediata”: “temos catro compradores”

Defende a necesidade dunha tarifa eléctrica máis "competitiva" para garantir o futuro da planta.

Francisco Conde. CARLOS CRESPO/XUNTA DE GALICIA

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, pediu ao Goberno central que estableza un prezo eléctrico “competitivo”, “a única solución á situación de Alcoa e Alu Ibérica”, para Conde. Así se expresou o vicepresidente económico este domingo na Coruña, onde Conde asistiu á inauguración da 37 edición da Feira Mostrart.

“A solución única e real para manter os postos de traballo, pasa por un prezo eléctrico estable e competitivo, polo que levamos dous anos esperando. Así llo trasladamos á ministra de Industria, Reyes Maroto, na súa visita do pasado venres, que serviu para trasladarnos intencións pero non compromisos”, explicou Francisco Conde, que instou ao Executivo central a que asuma o liderado que lle corresponde.

Respecto da situación de Alcoa, o conselleiro de Economía lamentou que “tanto Goberno como Alcoa” sigan trasladando “declaracións de intencións”, cando o que necesitan os traballadores, e toda Galicia, é “un compromiso efectivo das dúas partes”. Ese compromiso, concretou o representante da Xunta, debe traducirse, por parte de Alcoa, facilitando un proceso de venda “real” e, por parte do Goberno, co cumprimento do seu compromiso de establecer un prezo eléctrico competitivo.

“Demóstrase por parte non só de Alcoa, senón dos compradores que queren adquirir a planta, que os prezos eléctricos son a principal limitación para proceder á venda da planta”, asegurou Conde. “Non parece razoable trasladar a venda da planta a xaneiro de 2023 cando temos catro compradores. A operación debería concretarse de forma inmediata”, comentou o vicepresidente sobre a proposta da empresa ao Goberno central pola que se compromete a non executar o ERE presentado na fundición ata, como moi cedo, o 31 de xullo de 2022.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here