InicioOccidentalCervoPP e BNG empregan a crise de Alcoa como arma arroxadiza no...

PP e BNG empregan a crise de Alcoa como arma arroxadiza no Parlamento Galego

Conde responsabiliza ao BNG da suba do prezo eléctrico polo apoio ao Goberno mentres os nacionalistas lles afean a súa "comodidade" coa crise industrial da Mariña.

Publicada o

- Advertisement -

A crise de Alcoa volveu a debate na sesión deste mércores do pleno da Cámara galega, onde Xunta e o BNG cruzaron reproches ao redor da situación da planta de San Cibrao despois da confirmación da anulación do ERE ditada polo Tribunal Supremo a pasada semana.

Así, no bloque de preguntas orais que pon o broche á sesión plenaria que arrincou o martes, o vicepresidente segundo do Goberno galego, Francisco Conde, responsabilizou da incerteza sobre o futuro dos postos de traballo da factoría ao Goberno e central “e os seus socios”, entre os que incluíu ao BNG, que, pola súa banda, ve á Administración autonómica “cómoda” na situación que atravesa a planta mariñá.

“Vostedes están moi cómodos neste marco. Os problemas non teñen nada que ver con vostedes”, sinalou o parlamentario nacionalista Daniel Castro tras apuntar que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) “fallou” ao non intervir a planta, unha demanda que volveu ser explicitada esta semana na Cámara autonómica coa aprobación dunha iniciativa por unanimidade na sesión do martes.

Na súa quenda, o ‘número tres’ do Executivo galego replicou que o Bloque son “cómplices necesarios” da situación que padecen os traballadores, “traizoados” polo Goberno central que, como apuntou, contou co apoio do deputado do BNG no Congreso para a investidura de Pedro Sánchez.

“Non enganen á xente. Galicia sofre unha crise enerxética que pon en perigo a industria e a Alcoa. Iso tamén é responsabilidade do BNG, porque son socios do Goberno e comparten a súa política de intransición enerxética”, aseverou Conde, quen, tras defender a actitude “proactiva” da Xunta, remarcou que “a solución” para a planta mariñá “é clara” e pasa polas mans do Executivo central e a compañía norteamericana.

“A intervención é a solución. E nela podería participar a Xunta se crese que a este país hai que defendelo”, replicou Daniel Castro, que puxo o acento en que “o mellor plan industrial” para Galicia “é que non pechen decenas de empresas” como, segundo o deputado, ocorreu nos doce anos que leva o Partido Popular ininterrompidamente na Xunta.

Na contrarréplica, Francisco Conde acusou o Bloque de tentar “desviar a atención” sobre a súa “resposnabilidade” no asunto e de estar “máis ocupados en defender aos seus socios” –en alusión ao PSOE– que “en defender aos traballadores” da Mariña. Por último, o vicepresidente segundo cualificou ao BNG “do partido do non ás renovables” e do “peche das térmicas sen alternativoas”, o que levou a sentenciar que “é difícil atopar máis incoherencias” que as que a formación frontista ten na súa postura sobre “política enerxética”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...