Rafael Blas: “recollemos lendas como que a pintura para a louza da antiga fábrica de Sargadelos se facía con sangue humano”

A Asociación Cultural Airiños do Xunco é unha das máis veteranas dentro dos conxuntos dedicados a recoller, preservar e representar toda a riqueza que se foi gardando do noso patrimonio tradicional. Rafael Blas forma parte desta asociación que comezou a andar a mediados da década de 1970, mais que se formalizou e rexistrou en 1980, conversa con Xornal da Mariña para dar breve conta de toda unha experiencia de aprendizaxe e recollida ao longo do tempo.


-A historia de Airiños do Xunco xa ten unha pegada importante no tempo.

A Asociación Cultural Airiños do Xunta ten a súa orixe nun grupo de mozos que eran amigos aquí en Cervo, aló polo 1975 ou mesmo un ano antes, comezaron a tocar a gaita polo concello durante as festas, como a Romaría de Sargadelos e para pasalo ben. Despois dun tempo consideraron que era bo rexistrarse e en 1980 convertéronse en asociación dándose de alta como tal e cos seus estatutos. A finalidade era investigar sobre o folclore e outras costumes de Cervo e da comarca.

-Que encontraron durante as súas investigacións arredor das tradicións musicais e folclóricas?

Recollemos mesmo lendas como aquela segundo a cal as pinturas das primeiras cerámicas de Sargadelos se facían con sangue humano na fábrica antiga. Á parte tamén recollemos información sobre como era a vestimenta tradicional na comarca.

-Como recolleron esa información sobre a vestimenta?

Indo polas casas, falando coa xente maior quen nos explicaba como se facía e mesmo nos deixaron roupa para podermos copiala. Desta maneira puidemos realizar reproducións moi semellantes co noso vestiario. Aqueles traxes eran menos elaborados que os que podemos ver hoxe en grupos de danza. Eran traxes como se poden levar hoxe en día no Mercado Tradicional de Cervo.

A finalidade era investigar sobre o folclore e outras costumes de Cervo e da comarca

-Coñeceron persoas que deseñaran e elaboraran este tipo de roupa?

Si, sobre todo eran señoras que cosían e bordaban nas casas e mesmo cando naceu a asociación, xuntáranse varias persoas que confeccionaron as roupas.

-Durante as investigacións destes con artesáns que fixeran gaitas ou descendentes dos mesmos?

Non, por esta zona non encontramos ningún.

-Cando recollestes cantigas habíaas que fosen propias de aí mesmo, de Cervo?

Si, había algunha de Cervo aínda que a maioría eran cancións coñecidas pola maioría. Agora mesmo as cancións son as que se coñecen por toda Galicia.

A Asociación Cultural Airiños do Xunta ten a súa orixe nun grupo de mozos que eran amigos aquí en Cervo, aló polo 1975 ou mesmo un ano antes

-Como se foi consolidando o proxecto da asociación e cando se tivo un local propio para a mesma?

O primeiro local foron as Escolas Vellas, onde está actualmente de novo, mais pasado un tempo houbo que abandonalas e pasouse ao Salón de Gradaílle, era un salón de música en Cervo durante a feira. Logo pasouse a outro local onde hoxe está Protección Civil e en 1995 ou 1996 volvemos ás Escolas Vellas que agora mesmo son uns locais restaurados.

-Cantas persoas reúne hoxe en día Airiños do Xunco? Vedes que hai relevo xeracional?

Hai xente nova na asociación, mais a actividade coa cousa da COVID baixou moito. Aquí houbo unha cantidade de xente nova que se dedicou ao baile e ao canto. Agora mesmo, podemos andar con 40 e 45 chavales e na xunta directiva somos cinco. Agora imos arricar con forza pasada a pandemia a ver se conseguimos que os pequenos de 5 ou 6 anos se apunten aos ensaios algo moi bo para preservar a música tradicional.

-Que proxectos vos gustaría realizar nun espazo de tempo a medio prazo?

Gustaríanos que o pobo de Cervo tivese unha presenza importante dentro do que é a música tradicional e baile rexional. Á parte tamén temos outras actividades como a Queimada Popular de Cervo que xa ten corenta e catro anos, por tanto a Queimada tamén é un símbolo representativo da asociación. Ademais disto, temos o Entroido, as Cabalgatas de Reis,as Letras Galegas e un concurso literario que vai pola 38ª edición, en agosto temos unha semana cultura onde se fai un másterchef infatil, xogos populares, o festival folclórico, temos unha revista da Queimada e xa van corenta e dous exemplares. Tamén temos unhas veladas de teatro ao aire libre, que son a comezos de agosto. Realizamos intercambios culturais, participamos en mostras por diferentes países e polo Estado. Logo está o grupo de cantareiras Cordenaia, que se incorporou á asociación e 1990.

Aquí houbo unha cantidade de xente nova que se dedicou ao baile e ao canto

-Como ves o futuro das asociacións como a vosa, que buscan preservar a música tradicional?

Agora mesmo hai un baixón, mais co fenómeno das Tanxugueiras, parece que volve haber un pulo para o folclore. Eu espero que se siga traballando neste sentido, para as novas xeracións teñan constancia do que facían os nosos antepasados e do que se fai actualmente.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here