María Loureiro: “Necesitamos unha vía de alta capacidade para desconxestionar Viveiro”

María Loureiro García é a primeira muller que ocupa a alcaldía de Viveiro. Comezou en 2013 logo do falecemento do daquela alcalde, Melchor Roel. Logo gañou as eleccións de 2015 e 2019. O maior logro para Loureiro é poder ter definitivamente aprobado o PXOM e con el a variante que conecte o corredor de San Cibrao con Ferrol e así, desconxestionar o tráfico da vila. Tamén lle tocou afrontar a COVID que botou a baixo moitos proxectos para esta lexislatura.

María Loureiro, alcaldesa de Viveiro. AXM

-Como viviu e segue vivindo a pandemia dentro de Viveiro?

A COVID parou e cambiou moitos dos puntos que tiñamos programados dentro da acción de goberno esta lexislatura. Por desgraza, Viveiro foi un dos concellos máis afectados, houbo contaxios moi fortes, o máis forte foi o do Nadal, aí tivemos unha situación moi complicada cun alto número de postivos, iso obrigounos a afrontar as cinco restricións que houbo no noso termo municipal. Todo isto trouxo consecuencias negativas para sectores como o comercio e hostalaría debido aos meses que estiveron pechados afectando a máis do 50% do emprego no concello dentro do sector servizos. É certo que a situación parece estar mellorando apuntando un verán con boas expectativas de visitantes. Por tanto, somos optimistas dentro da prudencia ante a pandemia que estamos a sufrir.

-Estableceron liñas de axudas para os sectores máis afectados?

Hostalaría e comercio sufriron sobre todo na campaña do Nadal. Logo en xullo de 2020 a comarca da Mariña estivo pechada pola forte incidencia da COVID en diferentes puntos. Desta maneira a campaña de verán, sobre todo en xullo, mes sobre o que tiñamos grandes expectativas que logo non se cumpriron polo peche perimetral. O ano pasado sacamos o primeiro plan de reactivación económica para comercio e hostalaría. Logo, co grupo independente Por Viveiro, aprobamos uns orzamentos de emerxencia, totalmente diferentes aos que se aproban de maneira ordinaria, todo tendo en conta as consecuencias da COVID. Aprobámolo en abril-maio e debido á transcendencia da pandemia, sacamos un plan cunha liña de axudas de 850 euros para aqueles comercios, hostalaría e autónomos que tivesen que pechar por Real Decreto. Despois tamén se destinaron axudas ás diferentes asociacións de hostalaría e de comerciantes, exencións na ocupación de terrazas, tamén se enviaron EPIs e material sanitario.

-Canto destinaron a esas liñas de axuda?

O orzamento foi duns 400.000 euros e chegamos aos 300.000. Este ano aprobamos o segundo plan de reactivación económica con 200.000 euros, tamén co acordo de Por Viveiro. Con este novo plan queremos que aqueles autónomos que puideron abrir, aínda así tiveron perdas, son 850. Tamén nos unimos ao plan da Xunta de axuda á hostalaría. O goberno galego permitiunos prover o mesmo, así eles tramitan as axudas para a hostalaría e a maiores tramitan as do Concello. Por tanto, imos darlles aos autónomos 1.000 euros en axudas máis as da liña da Xunta de Galicia.

Houbo contaxios (por covid) moi fortes, o máis duro foi o do Nadal, aí tivemos unha situación moi complicada cun alto número de postivos

-Eses incentivos á hostalaría tiveron algunha repercusión na vida local?

Pois o aumento nos gastos do Concello de Viveiro, porque a maiores das cargas que se lle impoñen aos municipios, aumentaron en desinfeccións, limpeza, EPIs e outros gastos imprevistos.

-En que estado están as negociacións entre Concello e Xunta sobre a vía rápida de San Cibrao a Ferrol no tramo de Viveiro?

De momento non hai novidades. A última noticia que tiñamos da Xunta era a creación dunha ponte. Ese punto saiu nos medios mais ao Concello de Viveiro non nos chegou nada e por iso non nos pronuciamos pois nin sequera temos os planos do proxecto. Si é certo que durante unha reunión nos transmitiron, sen ningún tipo de documentación, que non habería ningún enlace con Lugo, por tanto é posible que quede en nada. Había un proxecto para unha vía de alta capacidade que está aí parado. O caso foi que protestamos, pois xa había un plan inicial aprobado e nos querían impor un novo sen consultar ao Concello e a outros organismos.

Imos darlles aos autónomos 1.000 euros en axudas máis as da liña da Xunta de Galicia

-Isto garda relación tamén coa aprobación do PXOM?

Temos pendente unha reunión coa Consellería de Infraestruturas, pois estamos co PXOM onde temos que poñer nós un trazado. Si necesitamos unha vía de alta capacidade para non saturar de tráfico Viveiro. O PXOM está aprobado provisionalmente, aínda que todo parece ir máis áxil. Buscamos maior crecemento de Viveiro no económico e en vivenda. Sabemos de empresas internacionais que queren vir a Viveiro mais non temos a superficie abondo para edificar e atraer novas iniciativas.

-O sector primario perdeu peso dentro da economía de Viveiro de maneira pronunciada?

Pois precisamente o sector forestal é o que máis crece nestes momentos dentro do noso parque industrial. Un parque industrial que chegou con certa dificultade por verse afectado pola crise de 2008. Aínda así, o sector da madeira é o máis forte dentro deste parque debido á presenza de varias empresas relacionadas coa madeira. Por outra parte, dentro do sector primario non quero esquecer que Viveiro ten un dos mellores portos pesqueiros do Estado, o porto de Celeiro.

-Á parte do parque industrial e as comunicacións, cales son os outros plans de cara ao futuro en Viveiro?

Dentro das nosas posibilidades, pois o Concello de Viveiro ten unha débeda que debe antender ano tras ano, pois coa colaboración da Deputación de Lugo, estamos a cubrir no día a día. Así podemos antender as estradas interiores, o fornecemento de servizos e facer desta vila un lugar atractivo para vivir. Estamos investindo pouco a pouco na mellora dentro do rural en cuestións como saneamento, mellora das pistas forestais e outras iniciativas que, por culpa da pandemia, non se puideron levar adiante. Aínda así, non queremos deixar de atender o noso rural dentro do que nos é posible agora mesmo.

O PXOM está aprobado provisionalmente, aínda que todo parece ir máis áxil

-Sobre saneamento, vanse facer actuacións con respecto ao saneamento da ría?

Nestes momentos estamos tratando de solucionar o tema do emisario da EDAR. Levamos anos con verteduras na ría e agora, en convenio coa Xunta de Galicia, cos fondos FEDER. Si é certo que no día a día melloramos moito sobre os puntos negros dentro da ría. Agora estamos traballando con varios organismos para eliminar todos eses puntos.

-Dentro de pouco son os congresos tanto provincial como o autonómico do PSdeG. Que sensación lle transmite este período pre-congresual?

Non teño moito que dicir. O PSdeG-PSOE é un partido democrático e que realiza estes congresos para aprobar as liñas que se seguirán. Todos os nosos secretarios xerais saen dos votos da militancia e iso faime sentir orgullosa de estar neste partido.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here