Viveiro remata os traballos de mellora en camiños municipais nas parroquias de Vieiro e Galdo

Pola súa parte, a concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, preguntou polos labores de roza desenvoltos recentemente na parroquia de San Andrés de Boimente, onde se rozaron camiños e pistas forestais de pouco tránsito.

Camiños reparados en Viveiro

O Concello de Viveiro informou das obras de mellora de varias vías de titularidade municipal das parroquias de Vieiro e Galdo, incluídas dentro do “Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022”, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Estas axudas regúlanse mediante a Resolución do 28 decembro de 2020 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.

As axudas son concedidas por Agader a todos os municipios de Galicia e, malia que o Concello decide que pistas se inclúen, a selección de vías debe cumprir cos requisitos marcados por esta institución. Deste modo, Agader establece nas bases das axudas requisitos como tratarse de camiños de acceso a parcelas agrícolas ou vías cunha lonxitude mínima.

Esta situación provoca que o Concello de Viveiro non puidese incluír nos traballos todos os camiños que desexase mellorar e tivese que seleccionar aqueles que cumpren os requisitos de Agader. O proxecto para realizar estas actuacións contou cun investimento de 63.425 euros, incluíndo a execución de obras de mellora na Pista de Borralleiros, en Vieiro; e do Camiño da Veiga, Camiño do Cárcere e Pista da Pedrosa, en Galdo.

As obras realizadas consistiron en labores de mellora, mediante o reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axustadas ás características do tráfico rodado que soportan. Tamén se realizaron labores de mantemento, tanto do firme existente mediante o bacheo de determinadas zonas como de mantemento das marxes dos camiños mediante a limpeza de cunetas.

O BNG PRESENTA PREGUNTAS SOBRE ROZA EN BOIMENTE

A concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, preguntou no pleno do pasado martes 7 de setembro, polos labores de roza desenvoltos recentemente na parroquia de San Andrés de Boimente, onde se rozaron camiños e pistas forestais de pouco tránsito. Dito isto, Bermúdez sinalou que seguen sen rozar e nun estado urxente os accesos municipais que son os realmente transitados e que forman parte dos accesos ás vivendas.

Míriam Bermúdez declarou no pleno que “polo que rogamos se informe dos motivos polos que os accesos ás vivendas desta parrquia continúan sen rozar, con tanta maleza que ademais de perigoso impide o paso de dous vehículos”.

A mesma concelleira sinalou que se lle propuxera á alcaldía “reservar un 2% do orzamento municipal e o 50% dos fondos do Plan Único da Deputación para o mantemento das estradas municipais”. Segundo o BNG de Viveiro,  María Loureiro votou en contra da proposta “pois segundo ela, xa tiñan o seu propio plan”. “Un Plan que só funciona baixo denuncia pública”, afirmou Míriam Bermúdez.

A alcaldesa María Loureiro optou no pleno por non responder as preguntas formuladas pola concelleira Miriam Bermúdez, segundo o BNG. A formación nacionalista no Concello de Viveiro anunciou que dous días máis tarde do pleno e “despois de meses de abandono”, acomoteuse a “apertura” de todas as vías de comunicación municipais de Boimente mediante o desbroce das mesmas.

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here