InicioPolíticaFeijóo critica en Viveiro unha transición enerxética "abrupta" que dana á Mariña

Feijóo critica en Viveiro unha transición enerxética “abrupta” que dana á Mariña

O presidente da Xunta participa na clausura das XXV Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro.

Publicada o

- Advertisement -

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, criticou este sábado en Viveiro un proceso de transición ecolóxica que tachou de “abrupta e non planificada”, que elimina postos de traballo na comarca da Mariña, cando debería ser “xusta”, “o que se prometeu á Unión Europea”. Núñez Feijóo participou este sábado, xunto á conselleira do Mar, Rosa Quintana, no acto de homenaxe ao servizo de Gardacostas de Galicia e na clausura das XXV Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro.

Alí, o titular da Xunta reivindicou a importancia de abrazar as orixes para avanzar; “adaptarse sen rexeitar o pasado”. Algo, sinalou, que non só aplica o sector pesqueiro, senón tamén todas as facetas da vida, “tamén en política”. “Debemos avanzar aproveitando os símbolos, o que outros fixeron antes”, asegurou. Unha idea que exemplificou coa propia Transición, “totalmente contraria ao rupturismo” ou co 40 aniversario do autogoberno galego, “que se mantivo a pesar das dificultades e ás crises”.

“Somos un país unido, a pesar de todo, e ese é un dos grandes activos de Galicia”, aseverou o presidente do Executivo galego.

TRANSICIÓN ENERXÉTICA “XUSTA”

Na liña de traballar “unidos”, Feijóo referiuse ao proceso de transición enerxética e o seu impacto sobre a comarca da Mariña. Así, defendeu unha transición “xusta”, “que debería ser o contrario á ruptura e que non debería poñer en risco os postos de traballo das familias“. Feijóo sinalou o “paradoxo” que agora mesmo atravesa o Estado: “o primeiro país en pechar centrais térmicas e o primeiro en volver abrir una –a das Pontes–“. A este respecto, censurou a intención do Goberno de pechar as 14 centrais “simultaneamente”, algo que non é “rendible” desmantelar se non hai outras alternativas.

É por iso que cualificou o proceso de “abrupto e non planificado”. “Algo non funciona, algo non se entende”, apuntou, e de forma “notoria” con Alcoa. “Non compartimos a decisión de Vestas nin de Alcoa, nin a inacción do Ministerio de Industria”, afirmou. “Seguiremos chamando a todas as portas. Non estamos de acordo co peche de Alcoa, como tampouco o estabamos co de Ence”, sinalou Feijóo, que lembrou que conseguiron demostrar “que o ERE de Alcoa era ilegal”, e traballan “para facer o mesmo” co de Vestas.

SECTOR PESQUEIRO

Volvendo á pesca, o titular do Executivo galego apostou por un sector sustentable ambiental, económica e socialmente; “un obxectivo de Galicia con Bruxelas”. Ademais, destacou o valor do sector lucense, con 1.400 tripulantes e unha facturación de máis de 400 millóns de euros.

No acto recoñeceuse o traballo desenvolvido polo Servizo de Gardacostas de Galicia, que cumpre 31 anos e que salvou a vida de 1.800 persoas. O servizo fai fronte á contaminación mariña, ao furtivismo ou á venda de produtos por fóra das vías legais, co obxectivo ademais de “preservar a saúde dos consumidores”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...