Vestas e traballadores alcanzan un acordo e a fábrica será un centro de Operación e Mantemento

A Compañía amplía o prazo para acceder aos postos de traballo no novo centro.

Traballadores de Vestas nunha protesta en Santiago / GC

Vestas e traballadores veñen de alcanzar un acordo que pon fin ao conflito xurdido tras finalizar a negociación do despedimento colectivo dos 115 traballadores da fábrica de Viveiro. O acordo foi referendado polos traballadores da fábrica e asinado pola totalidade do Comité de Empresa, integrado por UGT, Comisións Obreiras e CIG.

O acordo inclúe unha ampliación do prazo para que as persoas empregadas interesadas poidan acceder aos novos postos creados tras a reconversión da fábrica nun centro de operación e mantemento. Así mesmo, prevé un plan de prexubilación para maiores de 55 anos e indemnizacións de ata 67 días de salario por ano traballado, en función de cada caso.

“Este acordo, que implica a retirada da demanda xudicial que impugnaba o despedimento colectivo, resulta satisfactorio para as partes implicadas ao mellorar as condicións para todo o persoal que decidise non adscribirse ás vacantes ofrecidas”, indica a empresa nun comunicado. “Vestas proseguirá, en colaboración coas autoridades competentes, coa procura de potenciais investidores durante todo o ano 2022 co fin de impulsar a reindustrialización da zona”, continúa.

A pesar dos desencontros xurdidos durante o proceso de negociación, Vestas valora “moi positivamente” este acordo e a “actitude” de traballadores e de administracións públicas, con quen a compañía, segundo indica, “traballou e seguirá traballando, man a man, na procura de solucións para as instalacións de Viveiro”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here