Viveiro pide unha reunión coa EOXI ante o caos da Atención Primaria no concello

A situación chegou a ser tan insostible como chegar a ter un único médico para todo o municipio de 16.000 habitantes.


O Concello de Viveiro informa que a alcaldesa, María Loureiro, acaba de solicitar unha reunión para falar co Xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte. A rexedora solicitou ademais que a esa reunión, alén do Concello de Viveiro, puidesen acudir tamén representantes da Plataforma Sanitaria da Mariña e os alcaldes e alcaldesas da Mariña que o desexen.

Esta solicitude de reunión por parte da rexedora prodúcese tras unha xuntanza, celebrada tamén por petición da alcaldesa, con representantes da Plataforma Sanitaria da Mariña o pasado luns 17 de xaneiro.

En dita xuntanza, a rexedora pretendía abordar a situación do Centro de Saúde de Viveiro e as eivas que se veñen detectando na presentación do servizo. Nesa mesma reunión, acordouse pedir unha xuntanza para falar co Xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte sobre esta cuestión.

Nesa reunión coa Plataforma tratouse a situación que se vén dando no centro de saúde dende hai tempo pola falta de persoal. Unha situación que nas últimas semanas se converteu en insostible, tendo en conta que houbo días nos que o centro de saúde contou cun único médico para atender a unha poboación de máis de 15.000 habitantes.

Ademais, tamén se están a producir queixas por unha atención telefónica sobresaturada, polo funcionamento do PAC ou pola xestión das baixas por COVID-19.

Constatouse, asemade, que esta situación se está a vivir tamén noutros concellos da Mariña, xa que todos, nun ou noutro momento, están a sufrir as consecuencias do desmantelamento da atención primaria da comarca. Unha situación que se vén producindo de forma sucesiva tamén nos restantes concellos galegos.

Neste sentido, en virtude do acordado na reunión celebrada coa Plataforma Sanitaria da Mariña, o Concello de Viveiro solicitou unha reunión co Xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte para expoñer esta situación. O obxectivo da reunión é solicitar ademais que por parte da Consellería de Sanidade se adopten as medidas oportunas para solucionala. Por último, enviouse unha carta a todos os alcaldes e alcaldesas da Mariña para saber se estarían interesados en participar nesta reunión.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here