El Oviedo faise co premio do xurado no Ribadeo de Tapeo

O Concello calcula que durante os nove días do evento movéronse máis de 75.000 euros na hostalería da vila

Foto de grupo dos gañadores. AXM

O xurado profesional do Ribadeo de Tapeo concedeu o primeiro premio da edición de 2019 a El Oviedo, polo seu petisco Rillete de raia e botarga, licuado de chícaros, tubérculos e oblea de castañas.

O segundo premio correspondeulle a O Piano, con O que quedou da Calafete e o terceiro premio recaeu no Marinero con Días de feira. O premio á tapa de Ribadeo foi para Texturas Galegas con Lareira do mar.

Concursaron un total de 11 tapas das 45 que participaron no décimo cuarto Ribadeo de Tapeo. O xurado estivo composto por Bruno Lombán do restaurante Quince Nudos, de Ribadesella, vinculado familiarmente con Ribadeo; Álvaro Villasante, chef do restaurante Paprika de Lugo; Maricha Bermúdez, alma máter do restaurante La Taberna de Rotilio, de Sanxenxo; Toñi Vicente, unha muller referente na cociña galega e unha das primeiras estrelas Michelín e dous profesionais da hostalería, que levan varios anos colaborando co Ribadeo de Tapeo: Miguel Ángel Sánchez e Ana Martínez.

PREMIOS DO PÚBLICO

Pendentes quedan as mellores tapa e barra que elixe o público que acudiu ao Ribadeo de Tapeo. Ese resultado será escrutado en base ás diferentes urnas que se foron deixando nos bares e onde os participantes foron depositando o seu voto para decidir cal é mellor tapa e a barra que máis gustou pola súa decoración.

MÁIS DE 50.000 TAPAS

Segundo precisou a edil de turismo, Ana Martínez, servíronse máis de 50.000 tapas entre o 11 e o 19 de maio, o que supuxo un movemento de 75.000 euros en total nos 45 establecementos participantes nesta edición.

A valoración foi “moi positiva” segundo a concelleira, que resaltou a incidencia da cita na hostalería. “Arredor deste dato dos 75.000 euros tamén hai que engadir o consumo que vén aparellado a saír e tomar a tapa“, explicou Martínez, que indicou que o Ribadeo de Tapeo “é un evento importante, previo á etapa de verán, que dinamiza a economía e a vida da vila”. 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here