O PSOE, sobre Martínez e a imputación de Campos: “son os últimos estertores de quen quixo servirse do público”

O secretario xeral dos socialistas lucenses acusa ao deputado non adscrito de maquinar "unha operación" para "entorpecer a campaña electoral"

Manuel Martínez, á dereita, ao pé de deputados socialistas. ÓSCAR BERNÁRDEZ

EFE. O secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, asegurou este xoves que a imputación de Darío Campos por un suposto delito de prevaricación administrativa, en relación cunhas obras de saneamento na parroquia de Conforto, na Pontenova, onde o presidente da Deputación é alcalde, non é máis ca “unha operación” deseñada polo deputado non adscrito, Manuel Martínez.

Santos Ramos referiuse ao denunciante, o controvertido empresario Eloy Castro, como unha persoa “coñecida por todo o mundo” e que xa denunciou “bastantes veces antes por outros motivos”. Ademais, “é irmán do candidato do partido de Martínez no concello de Meira“.

O responsable do PSdeG-PSOE a nivel provincial lembrou que “é o propio Martínez quen fixo pública a toma de declaración a Campos”, que será o día 12 de xuño. Ao seu xuízo, está “clarísimo” que é unha “operación” coa que “busca entorpecer a campaña electoral e non hai absolutamente nada máis”.

“NON TERÁ REPERCUSIÓN” NA VINDEIRA LEXISLATURA

“Hai un procedemento escrupuloso, seguido polo Concello da Pontenova, e o xulgado pronunciarase sobre el. Aquí non pasou nada máis que un dos últimos estertores dunha persoa que non soubo acomodarse na súa organización e que non soubo servir ao público desde a política, senón que pretendeu servirse do público a través da política“, argumentou Santos Ramos.

O dirixente socialista considera que a suposta manobra denunciada polo PSOE define “o que é Manolo Martínez, sen caretas nin ataduras. Tivo a súa repercusión neste mandato, pero non vai darse outra situación igual“, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here