A librería Vivín de Ribadeo, molesta coa crítica do Concello á presenza de Laureano Oubiña na Feira do Libro

Pablo Rodríguez quéixase que a concelleira de cultura non lle manifestara "persoalmente o descontento"

Posto de venda da librería Vivín. VIVÍN

A libraría ribadense Vivín, que convidou a Laureano Oubiña a asinar exemplares da súa autobiografía ‘Oubiña. Toda la verdad’ na pasada Feira do Libro, manifestou o seu descontento coas críticas recibidas por parte do Concello.

O pasado luns, a concelleira de Cultura Pilar Otero aclarou que a libraría actuara “pola súa conta e risco sen comunicalo previamente” e con “deslealdade” respecto dos outros expositores e da organización.

O libreiro Pablo Rodríguez expresou o seu malestar pola amonestación xa que, asegurou, a edil non lle manifestara “persoalmente ningún descontento” durante unha conversa que mantiveron o domingo no evento.

Rodríguez explicou que a presenza de Oubiña se concretara nos últimos días, despois de pecharse a programación, e argumentou que “non ía por iso facer que se desbotasen todos os carteis que xa se fixeran”.

“NON SE PODEN DESCARTAR OPCIÓNS DE NEGOCIO”

“Non corren tempos para descartar posibilidades de negocio, máxime no sector do libro”, mantivo Rodríguez. Oubiña xa presentara a súa autobiografía o pasado outubro no propio establecemento. “Esgotamos todos os exemplares. Desta volta, souben que estaba por Viveiro e aproveitei a ocasión para que pasara pola feira”, expuxo.

O libreiro mostrouse tamén molesto polo calificativo de “desleal” e criticou que “antes da primeira reunión organizativa da feira” xa existía un borrador da programación que, dixo, “foi practicamente o definitivo”, insinuando que se ten dado “un trato privilexiado” a outros establecementos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here