Polémica ao suxerir o Concello nun valado que a achega da Xunta ao Pepe Barrera “non dá nin para pipas”

O goberno local aféalle ao Executivo galego nun cartel que non invista máis de 47.000 euros na remodelación do campo de fútbol, e o PP considérao "unha falta de respecto institucional"

Partido do Ribadeo-Pontenova no Pepe Barrera. AXM

O Concello de Ribadeo e mailo grupo municipal do PP polemizaron este luns despois de que o goberno local colocase un valado publicitario no que ironiza cunha bolsa de pipas sobre a achega da Xunta de Galicia á remodelación do campo de fútbol Pepe Barrera.

No cartel, o executivo municipal pregúntase “Canto custa volver gozar do fútbol?” e fai referencia á contía achegada por cada administración -235.000 euros por parte do Concello, 140.000 da Deputación de Lugo e 47.000 do Goberno galego-.

Deste xeito, enriba da contribución do ente provincial vese un balón, sobre o financiamento procedente das arcas municipais unhas botas, e a carón do gasto da Xunta unha bolsa de froitos secos, nunha referencia á expresión “non dá nin para pipas”.

O Concello de Ribadeo mostrouse en varias ocasións moi crítico co financiamento comprometido pola Xunta, e na propia sinatura do convenio, o pasado mes de agosto, reclamou unha maior axuda para o ambicioso proxecto de renovación do campo, que sofre de problemas graves no terreo de xogo, especialmente no tocante á drenaxe, polo que durante varios meses ao ano fica enlamado, dificultando a práctica do deporte.

VEGA RETA A SUÁREZ BARCIA A UN DEBATE SOBRE INVESTIMENTO PÚBLICO

O voceiro dos populares, Daniel Vega, considerou “unha falta de respecto institucional” o cartel e instou ao executivo municipal “a que pague do seu peto” o valado, “pois négome como ribadense a financialo”.

Vega retou publicamente ao alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, a un debate público sobre os investimentos e a xestión das administracións públicas. Así, cifrou en “3,4 millóns” a achega da Xunta no municipio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here