IniciosociedadeA Pontenova destinará 25.000 euros a axudas a pemes e autónomos que...

A Pontenova destinará 25.000 euros a axudas a pemes e autónomos que tivesen que cesar a actividade

O importe da subvención será de 700 euros por negocio, 600 para compensar os gastos ocasionados polo peche e 100 para compensar cotas de auga, lixo e sumidoiros

Publicada o

- Advertisement -

O pleno da Pontenova aprobou o pasado venres a proposta do goberno local unha liña de axudas dirixidas a pequenas e medianas empresas (pemes) e autónomos da vila para contribuír ao financiamento de gastos correntes que seguen a afrontar os empresarios trala crise do Covid-19, e que conta cun orzamento de 25.000 euros.

O alcalde, o socialista Darío Campos, argumentou que “dende o equipo de goberno presentamos esta proposta tralo peche das actividades de comercialización e distribución que deu lugar a unha caída da actividade económica sen precedentes por mor da pandemia que estamos a sufrir. Froito de esta situación, numerosas pemes e empresarios autónomos se ven nunha situación de peche total da actividade, ao tempo que seguen a xerar gastos, tales coma amortización de créditos, subministros básicos (tarifas mínimas de auga, luz, telecomunicacións, lixo, saneamento), seguros sociais e obrigas tributarias”.

Nesa liña sinala que “coa finalidade de contribuír a paliar esta situación, este Concello considera oportuno, dentro das súas limitadas posibilidades orzamentarias e competenciais, que se poña en marcha unha liña de axudas ás pemes e autónomos ubicadas na Pontenova, que, coma consecuencia da alerta sanitaria, se viran na obriga de pechar a súa actividade un mínimo de quince días naturais consecutivos”.

700 EUROS POR NEGOCIO

Campos sinala que coa finalidade de establecer un criterio de asignación áxil e reducir as cargas administrativas, tanto aos solicitantes coma a propia Administración, “o importe da subvención virá determinado por unha cantidade fixa de 700 euros por negocio; desagregándose do seguinte xeito 600 euros para compensar os gastos ocasionados polo peche da actividade e 100 para compensar as cotas liquidables aos solicitantes dos consumos mínimos trimestrais do servizo municipal de auga, lixo e sumidoiros”.

15 DÍAS PARA SOLICITUDES

As solicitudes xunto coa documentación presentada serán revisadas polos servizos sociais do Concello da Pontenova que formularán proposta. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días e comezará a partires do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

O rexedor dixo “que mentres outras administracións, como a Xunta, seguen de brazos cruzados diante desta situación, os Concellos somos os que temos que tirar do carro e tentar contribuír a reactivar a economía local e o emprego nas nosas vilas. Non é o momento de discutir, todos temos que arrimar o ombreiro. Ninguén pode quedar atrás”, dixo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...