O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanza que a Xunta de Galicia recorrerá a decisión do Instituto Xeográfico Nacional de cualificar tamén ría do Eo como forma oficial para referirse á ata agora coñecida como ría de Ribadeo.
O máximo mandatario autonómico confirmou esta decisión nunha carta remitida ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e lembra que o Goberno galego apoiou diversas iniciativas defendendo a denominación de ría de Ribadeo como única forma validada, ao contar co aval de expertos.
En concreto, o Instituto Xeográfico Nacional (IGN) recoñeceu a principios de novembro o topónimo ría do Eo como nome alternativo e co mesmo nivel de oficialidade e uso que o de ría de Ribadeo, co que se identificaba ata agora o estuario no que desemboca o río Eo e que separa Galicia e Asturias. Este recoñecemento produciuse tras a petición cursada pola Consellería de Cultura, Política Llingüística e Turismo do Goberno asturiano.
Respecto diso, Feijóo asegura compartir o “malestar” do rexedor de Ribadeo pola resolución e informa de que a Xunta presentará o correspondente recurso ante o Instituto Xeográfico Nacional para que se reconsidere esta resolución.
Ademais, apela a outras institucións que non comparten a citada decisión a que se somen a recorrela para facer máis forza na reclamación.