O Concello de Barreiros sinala nun comunicado que “a continua destrución de emprego na comarca nos últimos dez anos e a actual situación de empresas tan importantes coma Vestas en Viveiro ou Alcoa en San Cibrao” poñen á comarca nunha posición de desertización industrial que provoca un éxodo de persoas que marcará un futuro de emigración e falta de futuro na Mariña.
O goberno barreirense sinala ademais o déficit histórico de infraestruturas que vertebren a comarca e a sitúen nunha posición de igualdade con outros territorios agravan aínda máis a posibilidade de desenvolvemento da zona.
Ante todo isto, organizacións de tipo social veñen de convocar unha mobilización de ámbito comarcal para demandar a aplicación de políticas e medidas que freen a tendencia de destrución de emprego e os investimentos oportunos para atender as necesidades do territorio e das persoas que viven nel.
Desde o goberno local de Barreiros sinalan que os concellos, como institucións máis próximas á veciñanza, “temos a obriga de demandar a atención e os investimentos precisos para garantir un futuro na nosa comarca“. Engaden tamén que a demanda de antención tamén se fai apoiando e acompañando á sociedade que se organiza para pedir medidas que garantan o dereito a vivir e traballar na súa comarca.
Así, Barreiros sumarase á mobilización do vindeiro domingo 17 de outubro baixo o lema “Futuro para a Mariña”. Os tres grupos políticos que conforman a Corporación municipal de Barreiros, BNG, PSdeG-PSOE e PP, amosan o seu apoio a dita mobilización e chaman á cidadanía de Barreiros a participar na mesma, ás 12 horas con saída desde a Cruz Vermella en Viveiro.