Barreiros e Adif buscan unha nova ubicación para o apeadeiro de San Cosme

O xerente de Adif na zona visitou o apeadeiro actual e comprometeuse a estudar a proposta de reubicación que propoñan desde o Concello.


O xerente de Adif -dependente do Ministerio de Mobilidade, Transporte e Axenda Urbana- para a zona noroeste, Luis Palacios, visitou nesta semana, xunto con persoal técnico, o concello de Barreiros para coñecer de primeira man o estado das instalacións propiedade de Adif e as demandas existentes en canto ás infraestruturas das que é titular.

Acompañado da alcaldesa e das tenencias de alcaldía, achegouse ao actual apeadeiro de San Cosme; onde puido comprobar que a súa situación non favorece o seu uso, provocando un abandono que o chega a convertelo en espazo residual.

Tras a proposta do equipo de goberno, o xerente de Adif comprometeuse a estudar un lugar alternativo para un novo apeadeiro, achegándoo á capital municipal e converténdoo nunha infraestrutura de utilidade ferroviaria e social.

Desde o Concello de Barreiros agradecen a disposición e a sensibilidade amosada polo Ministerio de Mobilidade, Transporte e Axenda Urbana e apostan por desprazalo, sempre que sexa posible, cara á estrada que une San Cosme e a zona da praia de Altar; “xa que daría servizo tanto ao pobo como á zona de praia”, explica Ana Ermida.

A rexedora lembrou ademais que “esa nova ubicación encaixaría á perfección dentro do proxecto no que traballamos de conectar a zona do centro de San Cosme tanto cos barrios da Áspera e Vilar como coa zona de praia, dotándoo dunha senda peonil e ou de bicis que permita a mobilidade entre o centro e esas zonas”.

Desde a xerencia de Adif trasladaron ao goberno municipal a súa disposición e a do propio Ministerio a estudar a proposta, así como o convencemento de investir diñeiro no lugar e do xeito que conleve un maior beneficio social; polo que valorarán firmemente o cambio de lugar do apeadeiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here